En portadaÚltima hora

Demostración da aplicación de drons na olivicultura en Ribas de Sil e Quiroga

Esta práctica formaba parte dun curso sobre tratamentos fitosanitarios ecolóxicos con drons en oliveiras

 

As novas tecnoloxías chegan á olivicultura. Así podía comprobarse na demostración de uso de drons que se realizaba o 21 de agosto en parcelas de Ribas de Sil e Quiroga no marco dun curso sobre tratamentos fitosanitarios ecolóxicos con drons en oliveiras, promovido polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos.

No decurso desta acción formativa, impartida en Monforte, realizábase unha comparativa do custo da aplicación de tratamentos fitosanitarios (tanto en convencional coma en ecolóxico) con atomizador e con dron, ademais de analizar as necesidades nutricionais segundo o estado fenolóxico das oliveiras. E logo os alumnos participantes (a maior parte deles da provincia de Lugo, pero tamén da de Ourense e mesmo da zona de Lalín) desprazábanse a dúas fincas de Aceites Figueiredo, unha delas de Figueiredo (Ribas de Sil) e outra en Anguieiros (Quiroga). Nelas levábase a cabo unha práctica de aplicación de fitosanitarios con drons. “Buscábanse situación diferentes con oliveiras altas pero tamén con outras máis pequenas”, matiza Miguel Ángel Rodríguez, responsable de Aceites Figueirido, que cualifica de moi interesante esta colaboración coa organización do curso.

“Estamos desenvolvendo cursos dirixidos ao sector primario para mozos e mozas de menos de 40 anos con expectativa de incorporación á actividade agraria, e son cursos financiados polo Feader. Neste senso pareceunos interesante organizar un curso sobre tratamento ecolóxico de fitosanitarios con dron, neste caso a práctica é en oliveira co fin de ver das distintas posibilidades de tratamentos que nos ofrecen as novas tecnoloxías, sempre orientadas a formar ao sector primario”, explicaba ao Periódico O Sil a directora do Centro de Formación e Experimentacióin Agroforestal de Monforte, Estrella Rodríguez.

 

Estrella Rodríguez, do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos, cun representante da empresa Fortop.

 

Ademais de presentar as novas tecnoloxías, con esta iniciativa tamén se pretendía falar un pouco da normativa de drons porque “é tamén unha vía de nova incorporación da xente xove, para que poida dedicarse a este tipo de traballos. No caso da Ribeira Sacra falamos das oliveiras pero tamén do viñedo, porque é unha saída moi interesante. Aforraríase moito tempo e sobre todo menos contaminación, porque estamos falando de que poderíamos reducir ao 1% a auga nun caldo nos fitosanitarios”, indicaba un dos docentes.

Os drons utilizados na demostracións eran da empresa lucense Fortop. “O que amosamos neste seminario foi a eficacia do dron neste caso na oliveira. Principalmente o que estamos vendo é a penetración en distintas fases e distintos tipos de boquilla para aplicar os fitosanitarios, distinta altura para que ver que sexa realmente eficaz con respecto a outros sistemas que se usan. A idea é que o dron se poida aplicar en calquera tipo de oliveiral e tamén a outros cultivos como a viticultura”, sinalaba un dos representantes da empresa no curso.

 

Asistentes á demostración na comarca quiroguesa.

 

Ademais Fortop está a traballar nun proxecto coa Xunta de Galicia “para o tema da normativa, porque a día de hoxe vai por detrás a normativa do que é a tecnoloxía, entón estamos moi limitados para poder aplicala en certos sitios onde si se podería. A normativa aínda se está desenvolvendo”, explican dende a empresa.

Artigos relacionados

Back to top button