O Concello de Quiroga está inmerso nos campamentos de verán que este ano inclúen novas actividades e saídas para os nenos inscritos. A semana pasada visitaban o Museo Xeolóxico e na mañá do 6 de agosto tocaba visitar o Museo Etnográfico para coñecer os oficios tradicionais.
Así, as súas instalacións acollían unha demostración de artesanía de traballos en coiro incluída no Programa de Promoción da Artesanía que desenvolve o CENTRAD da Deputación de Lugo. Nela os cativos puideron realizar eles mesmos algunha peza deste material. A actividade estaba aberta a todas as persoas interesadas de xeito totalmente gratuíto e ademais de realizar traballos en coiro, os rapaces tamén coñeceron o tecido tradicional, a través do tear que ocupa unha das salas deste museo.
Ademais dos cativos, ata as instalacións municipais achegáronse tamén o alcalde Julio Álvarez e a concelleira delegada da área de Educación e Infancia, Loli Sánchez.