No mediodía do domingo 8 de outubro, celebrábase no Santuario das Ermitas (no concello do Bolo) a Octava da festa da Virxe do Rosario, unha das celebracións relixiosas que máis devotos atrae ao templo de orixe barroca.
E coma sempre algúns deses devotos animábanse a facer unha fermosa camiñata ata o Santuario. Xente como Enrique Rodríguez Sotelo, veciño de Fontei (A Rúa), que documentaba con imaxes o percorrido duns 20 quilómetros.
“Pasando a Ponte da Cigarrosa subimos pola carretera de Carballal collendo a da Portela. Da Portela a Portomourisco e baixando polo camiño vello seguimos ata a ponte sobre o río Xares, subindo de novo ata coller a carretera e chegar a Outardepregos e despois Lentellais. Cruzando o pobo chegamos a Santa Cruz e un pouco máis adiante chegamos ao camposanto que lle chaman a Resurrección, un descanso e xa seguimos para abaixo ata As Ermitas”, explica Enrique.
Fotos cedidas.