As autorizacións para queimas en terreos forestais, así como a realización de comunicacións para as rexistradas en parcelas agrícolas, poden volver a solicitarse dende este luns 11 de maio. Levántase así a suspensión de realizar queimas nos terreos rústicos decretada o pasado 16 de marzo, despois de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicase o pasado venres a correspondente resolución da Consellería do Medio Rural.
Para iniciar a tramitación, mentres non estean abertas ao público as oficinas dos distritos ou servizos de prevención de defensa de incendios, os interesados poderán utilizar dúas vías: chamar ao teléfono 012 ou ben empregar a vía telemática dende o enderezo web https://queimasweb.xunta.gal.
Canto ás autorizacións xa notificadas e ás comunicacións xa efectuadas que quedaran sen efecto durante a emerxencia sanitaria, os interesados deberán solicitar nova autorización ou realizar nova comunicación para levar a cabo a queima.