Un ano despois da estrea do podcast “CHEASdeVIDA” no Centro Cultural Avenida e co gallo da celebración do Día da Muller Rural o pasado 15 de outubro, o Concello da Rúa e MATRIA propoñen á veciñanza tres obradoiros dirixidos a mulleres rurais e peregrinos do Camino de Inverno co fin de “tecer redes para rachar o teito de pizarra e abrir camiño ás novas xeracións”, din dende a organización.
Os obradoiros, de 90 minutos de duración, celebraranse na adega Val de Covas, en Vilela, cun número de prazas llimitado a 10 participantes (mulleres rurais) para “garantir unha experiencia personalizada”, puntualizan dende a organización, explicando que ao longo dos tres obradoiros, “as mulleres e peregrinas/os recibirán formación e acompañamento en educación emocional, compartirán as súas experiencias e confeccionarán as súas propias bolsas a partir de materiais reciclados para gardar as súas propias pizarras MATRIA, seguindo o programa inspirado na natureza co-creado por Laura Fernández e Elvira Fernández, nai e filla, socias da cooperativa valdeorresa InCrescendo Colectivo”.
O obxectivo da actividade é “recoñecer a figura das mulleres rurais coma gardiás do noso patrimonio material e inmaterial; promover a colaboración de novos modelos de emprendemento no concello; tecer redes e converter en embaixadoras da nosa cultura ás persoas peregrinas; e posicionar A Rúa como un concello rico, xeneroso, innovador e cheo de vida”.
Ademais, esta experiencia quedará recollida no podcast “CHEASdeVIDA”, dispoñible en todas as plataformas, onde pode escoitarse a conversa entre Mark, un peregrino de suíza, e Lucía, veciña de Seadur, reflexionando sobre a morriña e os retos insperados cos que nos atopamos ao voltar á casa.
Neste caso, “ademais das actividades ao redor da economía circular e o crecemento persoal, o uso das novas tecnoloxías permite tender pontes e facer realidade o soño deses pelegrinos que, coma Emanuele, un peregrino romano que pasou pola Rúa no mes de xuño, “soñaba con hablar con mujeres del campo”, e recuperar así o lado máis humano do Camiño de Santiago”.
As persoas interesadas nos obradoiros poderán inscribirse de maneira gratuíta na seguinte ligazón: https://forms.gle/efnuvcrzo8uxFFAz8