Camiñando ou correndo. Son as dúas opcións que presenta un ano máis a Carreira Popular do Turrón que celebrará a XVI edición o 22 de decembro e inclúe recollida de alimentos, chocolatada e sorteo de agasallos.
A cita será na praza Andrés de Prada onde xa a partir das seis da tarde estará o Dj Isra amenizando o ambiente. Con todo, a proba comezará ás 19:30 horas para os pequenos, con saída xunto á Fonte da Ra e meta na praza. E xa ás 20 horas arrincará en Andrés de Prada a carreira popular podendo dar 1, 2 ou 3 voltas, camiñando ou correndo.
Trátase dunha proba lúdica na que premia a diversión e o ambiente festivo así como o carácter solidario, agardando que se fagan moitas doacións de alimentos no perecedoiros para poder dar ao banco de alimentos de cara ao Nadal.
Con respecto aos premios, é “obrigatorio pasar polo photocall instalado na praza Andrés de Prada de 18 a 20 h. para inscribirse e sacarse unha foto”, haberá individuais (agasallos para todos os nenos máis cativos; Mellor disfrace de Nadal; Corredor máis novo; Corredor máis veterano) e colectivos (asociación/ máis asociados; empresa/ máis empregados; club deportivo/ máis deportistas; e Mellor disfrace colectivo de Nadal).
As inscricións con acceso á chocolatada e ao sorteo (dorsal branco) poden formalizarse desde o luns día 11 ata o 18 de decembro no Edificio Multiusos, 3° andar (de 9 a 14h.) e do 19 ao 21 de decembro no Edificio Multiusos, 2º andar (de 9 a 14h). Tamén por e-mail (enviar nome, apelidos o data de nacemento a deportes@concellodobarco.org). A recollida do dorsal será no Edificio Multiusos de 9 a 14h. do 11 ao 18 de decembro no 3° andar o do 19 ao 21 de decembro no 2º andar, ou o día da carreira na praza Andrés de Prada de 18:00 a 19:30h.
As inscricións sen reserva á chocolatada nin ao sorteo (dorsal amarelo) poden facerse o mesmo día da carreira na praza Andrés de Prada de 18 a 19:30 horas.