Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Deporte e solidariedade na carreira ‘Móvete polas enfermidades raras’ que se celebrará na Rúa

A cita (carreira e andaina) a favor de Anasbabi será o vindeiro domingo 24 de abril a partir das 11 horas con saída e meta na praza de Fontei

 

Unha vez máis A Rúa será o punto de partida para o circuíto de marchas ‘Móvete polas enfermidades raras’ de 2022 en favor de Anasbabi Ciclopatías.

O Club Atletismo Rúa organiza para o domingo 24 de abril a 2ª andaina (a primeira foi no 2020) e primeira carreira incluída no programa da asociación sen ánimo de lucro que pretende ser “un soporte, enlace e grupo de investigación para as persoas cunha enfermidade rara”. Será a primeira actividade das moitas que se realizarán ao longo do ano para recadar fondos en favor dos afectados por este tipo de doenza.

A presentación do evento, que se move (e nunca mellor dito) entre o deporte e a solidariedade, tiña lugar na mañá deste luns 18 de abril no segundo andar do Concello da Rúa, contando coa presenza do presidente do club organizador, Fernando Navarro, do presidente da asociación Anasbabi Ciclopatías, José Carlos Pumar; e do alcalde da Rúa, Álvaro Fernández.

 

 

O presidente do Atletismo Rúa era o encargado da parte técnica da proba, explicando que se trata dun circuíto duns 7 quilómetros e tanto a saída como a meta da carreira e da andaina estarán situadas na praza de Fontei. “Despois seguiremos polo camiño das covas ata cruce que vai ao Barranco Rubio onde xiraremos para volver ao punto de partida”, puntualiza Fernando, asegurando que tamén intentan poñer en valor as fermosas paraxes coas que conta A Rúa. A inscrición pode facerse na páxina web http://www.anasbabiciliopatias.es ou nas tendas Okre (A Rúa) e Foot on Mars (O Barco). Tamén se habilitará unha Fila 0 para as persoas que desexen colaborar sen participar na proba. A retirada de dorsais realizarase na mesma praza entre as 9 e as 10:30 horas. A andaina comezará ás 11 e a carreira ás 11:15 horas.

O presidente de Anasbabi pola súa banda, explicou que a carreira é unha forma de dar visibilidade ás enfermidades raras que “afectan a máis persoas das que pode parecer”, dixo, indicando que só na provincia de Ourense hai unhas 35.000 persoas afectadas, ascendendo a 250.000 en toda Galicia e case 4 millóns no conxunto do Estado. Pumar aproveitou a ocasión para lembrar que o 16 de xuño, a asociación presentará en Madrid “a maior rede asistencial para persoas afectadas”, cun total de 16 centros con todo tipo de servizos para axudar aos enfermos e tamén aos familiares.

Pechando a presentación, o alcalde da Rúa daba ás grazas ao Club Atletismo Rúa por organizar este tipo de eventos, destacando o carácter solidario da veciñanza da Rúa e de toda a comarca, sempre disposta a organizar e participar en iniciativas solidarias. No caso concreto destas enfermidades asegurou que precisamente por ser raras son moito o descoñecemento e problemas que acarrean, asegurando que é inestimable a axuda que ofrecen as organizacións como Anasbabi, especialmente a nivel informativo e de asesoramento.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button