A Deputación de Ourense destina 130.424,08 euros a axudas para cultura, deporte, turismo e infraestructuras, dirixidas a asociacións e concellos da provincia. Así se acordou durante a xunta de goberno celebrada polo ente provincial esta mañá. De todo isto informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama.
Máis polo miúdo, no ámbito cultural destinará tres axudas para Sarabela S.L.: 15.000 euros para a Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu), 20.000 euros para a celebración do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), e para a produción da obra infantil “O Secuestro da Bibliotecaria”, 10.000 euros.
En materia de cooperación, a xunta de goberno adxudicou ao Concello de Maceda 60.000 euros para a mellora de equipamento deportivo no pavillón polieportivo municipal. Tamén se outorgarán 21.000 euros ao Concello de San Cibrao das Viñas para a elaboración dun plan de fomento dos recursos empresarios e turísticos da vila. E 4.424,08 euros para o Concello de Verea para renovar o mobiliario na Casa do Concello.
Dentro do Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial 2016, a Deputación aprobou dúas modificacións. Unha relativa a Leiro, incorporando ao plan a obra dunha senda fluvial na marxe dereita no río Avia, en sustitución da obra de reconstrución da pasarela peonil en Leiro. E outra que afecta ao Concello de Chandrexa de Queixa, incorporando ao plan a obra de mellora de rúas na aldea de Chaveán, no lugar do acondicionamento da piscina fluvial en Rabal.
Tamén se aprobou a resolución do concurso público para a concesión de axudas a entidades sen ánimo de lucro para actividades culturais. Nesta liña, o goberno provincial destina 149.681,80 euros a máis de 190 actividades realizadas por toda a provincia.
Por último, a xunta de goberno aprobou a adhesión dos concellos de Sandiás e San Xoán de Río para a prestación por parte da Deputación do servizo de inspección de tributos municipais para o período 2016-2019.