OurenseÚltima hora

Deputación e Concello cofinanciarán 25 proxectos da cidade por valor de 10 millóns de euros

O desbloqueo destas actuacións permitirá executar, neste ano e no próximo, estas obras solicitadas por asociacións veciñais da cidade das Burgas
Manuel Baltar e Jesús Vázquez na xuntanza do Comité de Cooperación.

O Comité de Cooperación Deputación-Concello de Ourense reuniuse esta mañá (5 de abril) no Pazo Provincial para pór enriba da mesa o cofianciamento dun proxecto de diferentes actuacións nos barrios da cidade. Desta xuntanza saleu que grazas a esta cooperación entre ambas as dúas institucións desbloquearanse 25 proxectos do Plan de Investimentos da cidade cun importe total de 10.272.950 euros.

Segundo apuntan dende ambas as dúas institucións, esta colaboración permitirá afrontar, neste exercicio e no vindeiro (2017-2018), a contratación e execución dos citados investimentos, todos eles solicitados por asociacións veciñais da cidade. O cofinanciamento entre ambas administracións permite que este prazo se amplíe ao vindeiro ano, algo que tanto o presidente da Deputación, Manuel Baltar, como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, subliñaron como “clave” para poder sacar adiante estas obras.

Así o expresaron Baltar e Vázquez ao remate da reunión. O xefe do executivo provincial dixo que a Deputación de Ourense “coopera por medio do cofinanciamento para que se poida levar a cabo o plan de obras do Concello, e así llo garantimos ao alcalde”. Baltar asegurou que esta iniciativa levarase ao pleno ordinario de abril da Deputación, coa modificación orzamentaria correspondente para que se poida executar”, explicou. Así, a achega da Deputación será de 100.000 euros, “unha cifra pequena en comparación co montante global do plan de obras do Concello de Ourense, pero é unha cifra moi necesaria porque sen ese cofinanciamento non se podería executar ningunha das actuacións previstas no plan, que son moi destacadas e froito das demandas e da participación cidadá”, lembrou.

O alcalde da capital, Jesús Vázquez, lembrou que xa en 2015 se articulou este mecanismo de colaboración coa Deputación para poder executar o Plan de Obras herdado do anterior goberno municipal, “cando ninguén apostaba que puidésemos sacalo adiante, e aí están a rúa Concello ou a Pasarela do Barbaña”, exemplificou. O apoio da Deputación de Ourense permitiu desbloquear a execución do Plan de Obras do Concello de Ourense e levar a cabo infraestruturas viarias e obras de accesibilidade e abastecemento por un importe de máis de 1,3 millóns de euros.

Co fin de incrementar estratexias de desenvolvemento para a cidade, e unha vez examinadas as diferentes posibilidades de actuación, o Concello trasladoulle á Presidencia da Deputación unha solicitude formal para inserir nun Plan Provincial de Cooperación unha serie de obras de execución urxente, inaprazable e inmediata que se estiman de particular interese para a veciñanza de Ourense pola súa significación e clara demanda social.

 

Artigos relacionados

Back to top button