OurenseÚltima hora

Deputación e Xunta acordan implantar a xestión directa nos 4 parques do Consorcio Provincial contra Incendios

O cambio de modelo, que será efectivo o 1 de febreiro, afecta aos catro parques de bombeiros do consorcio, Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras, así como aos 75 bombeiros que traballan nestas instalacións

 

O pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, que integran a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, acordou esta mañá a implantación dun modelo de xestión directa nos catro parques de bombeiros que compoñen este servizo, isto é os do Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras, así como a subrogación como persoal propio dos 75 bombeiros que traballan nas citadas instalacións. Un cambio de xestión que será efectivo a partir do día 1 de febreiro.

A reunión celebrouse no Pazo Provincial coa asistencia do presidente do consorcio e deputado de Cooperación, Pablo Pérez; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o subdirector xeral de Seguridade e Coordinación, Andrés Iglesias; e o deputado do grupo socialista Aurentino Alonso, que se abstivo na votación;. Tras esta convocatoria, os asistentes tamén participaron na constitución dunha comisión mixta que se encargará de iniciar os trámites para dar cumprimento ao acordo do pleno.

Pablo Pérez expresou a súa satisfacción por un acordo “que referenda á Deputación de Ourense como un goberno provincial fiable e que cumpre coas súas promesas”, subliñando ao tempo “a implicación da Xunta de Galicia coa prestación dos servizos de emerxencia”, de maneira que sexa igual para toda a cidadanía galega con independencia do seu lugar de residencia.

O presidente do consorcio puxo énfase tamén na “boa sintonía e disposición” dos traballadores dos parques, con cuxos representantes reuniuse onte, “cara iniciar unha nova etapa que se basea na prestación dun servizo que incremente aínda máis os seus niveis de eficiencia e eficacia”.

Este paso, engadiu, englóbase na política desenvolvida pola Deputación nos últimos anos. Destacou así Pablo Pérez que aos catro parques que xestiona o consorcio súmanse os 11 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia, o servizo supramunicipal de Terras de Celanova e o parque de bombeiros que xestiona directamente a Deputación con base no polígono de San Cibrao, de tal xeito que Ourense ten pechado así o seu mapa provincial de emerxencias.

Prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade

Santiago Villanueva, entre tanto, destacou a importancia da implicación e da cooperación entre administracións no ámbito da xestión das emerxencias, co obxectivo de ofrecer un servizo o máis eficiente posible co que dar unha resposta áxil e eficaz ante calquera incidencia.

Lembou que a Xunta estableceu xa en 2016 unha vía de diálogo coas deputacións provinciais para definir o modelo de xestión dos parques dependentes dos consorcios provinciais, para ofrecer unha prestación homoxénea dos servizos de emerxencias en toda a comunidade. Unha vez culminados os trámites en Ourense, os consorcios de bombeiros e salvamento de todas as provincias funcionarán con xestión directa.

Artigos relacionados

Back to top button