
Na tarde deste mércores 14 de maio, catro empregados dunha tenda situada na rúa Serra Martiña, en Ourense, tiñan que ser trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario da cidade por inhalación de fume, tras declararse un pequeno incendio no interior do establecemento, tal como informan dende o 112 Galicia, puntualizando que o incidente producíase arredor das 17:15 horas, momento no que un particular contactou co 112 Galicia para alertar do suceso.
Desde a sala de operacións mobilizaban aos Bombeiros de Ourense, así como efectivos da Policía Nacional e Policía Local. “Segundo informaron os equipos de intervención ao chegar ao lugar, o incendio, que afectou a unha máquina desbrozadora, fora xa sufocado polos propios empregados mediante o uso dun extintor. Aínda así, os bombeiros procederon a ventilar o local e a revisar a zona para garantir que non quedara ningún risco”, din dende o 112, engadindo que así e todo “catro traballadores foron trasladados ao hospital para unha avaliación médica tras inhalar fume durante a incidencia”.



