OurenseÚltima hora

Deputación e Xunta alíanse para recuperar a Cámara de Comercio de Ourense

 

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia traballan de forma coordinada na recuperación da Cámara de Comercio de Ourense. Neste sentido, o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o vicepresidente primeiro da administración autonómica e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuníronse esta semana para avanzar na reactivación deste organismo público. Este fito permitiría ás empresas da provincia recuperar a posibilidade de tramitar en Ourense cuestións esenciais como o certificado de orixe para a exportación e
importación.

A liña de traballo perfilada na reunión do Pazo Provincial estará canalizada a través dun equipo de traballo conformado por Deputación e Xunta de Galicia e que estará coordinado coa Comisión Xestora para a reactivación da Cámara de Comercio. O obxectivo é ultimar o calendario que desemboque en 2023 na celebración das eleccións para a composición do pleno cameral e recuperar deste xeito a plena actividade orgánica da entidade pública.

Manuel Baltar xa puxo a disposición da futura nova dirección da Cámara de Comercio a posibilidade de usar nesta reactivación a sede do Inorde en Ourense como espazo de traballo, tendo en conta que a sede da Cámara de Comercio de Ourense foi poxada no proceso de extinción da actividade do organismo empresarial.

“A Cámara de Comercio foi e debe volver a ser un axente principal na representación empresarial e con competencias directas en cuestións tan centrais para a nosa economía como a exportación das empresas ourensáns”, segundo Manuel Baltar.

O presidente da Deputación valora a importancia de recuperar a Cámara de Comercio de Ourense, “unha entidade histórica, nacida en 1899, que foi e debe volver a ser un axente principal na representación empresarial e con competencias directas en cuestións tan centrais para a nosa economía como a exportación das empresas ourensáns”.

Nesta liña, Manuel Baltar define a Cámara de Comercio como un “órgano de defensa e representación das empresas e un importante soporte para o tecido empresarial”. Dúas cuestións, valora o titular do goberno provincial, que resaltan a importancia de reactivar esta corporación: “A Cámara de Comercio debe ser para Ourense un axente próximo ao tecido empresarial e xerador de recursos que permitan avanzar na competitividade e na internacionalización das nosas empresas”.

“Devolver ao presente a Cámara de Comercio despois destes anos de inactividade é vital polo que suporía para o tecido empresarial -e para Ourense- recuperar un actor coa experiencia, proximidade e o coñecemento do territorio necesarios para seguir dinamizando Ourense”, explica Manuel Baltar sobre unha entidade pública que, nesta nova etapa, deberá ser “un axente vivo, dinámico e dimensionado respecto aos recursos xerados por el mesmo. Isto motivará que o seu futuro crecemento estea sempre vinculado ao futuro crecemento das empresas ourensás e os servizos que a estas lle presten”.

Francisco Conde incide na importancia que ten para Ourense e Galicia a recuperación da actividade na Cámara de Comercio como elemento dinamizador da economía no territorio.

Pola súa parte, desde a administración autonómica destacaron a importancia que tanto a nivel provincial como para Galicia ten a recuperación da actividade na Cámara de Comercio como elemento dinamizador da economía no territorio.

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, fai especial fincapé en que esta colaboración institucional entre os gobernos autonómico e provincial é un exemplo de como debemos traballar todas as administracións unidas: “Esta cooperación contribuirá a mellorar a posición de Ourense a nivel económico. É importante afondar nesta liña, acompañando ás nosas pemes e autónomos, posto que, ademais de permitir a súa consolidación, favorece a súa expansión cara aos mercados internacionais”. Neste sentido, cómpre lembrar o bo comportamento das vendas ao exterior que xa está a vivir a provincia de Ourense, onde as exportacións medraron un 26,6% nos oito primeiros meses deste ano.

Artigos relacionados

Back to top button