Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

A deputada autonómica Noela Blanco reúnese cos socialistas vianeses

Ata o concello de Viana do Bolo se desprazaba na tarde do 13 de xuño a deputada socialista por Ourense no Parlamento galego Noela Blanco. Na sede local do PSdeG-PSOE mantiña un encontro coa agrupación socialista, encabezada polo portavoz e concelleiro vianés Santiago Barja, para presentar o “exemplo práctico das consecuencias do desleixo do goberno galego co rural, desamparado ante un goberno indolente”.

Na reunión os socialistas vianeses transmitíronlle unha serie de demandas para que a deputada as plantexase na Cámara galega. “Comentámoslle a necesidade de ampliar o número de prazas da Galiña Azul, tendo en conta o incremento da natalidade que houbo en Viana. Agora mesmo hai xente que se ten que desprazar a outros concellos próximos. Consideramos que se debería aumentar outro módulo”, explicaba Santiago Barja.

Tamén lle plantexaban á parlamentaria a necesidade de arranxar a estrada de San Agustín, “que está instransitable”, as graves consecuencias das xeadas no agro e na gandeiría e a petición de axudas directas e tamén a importancia de poder dotar á vila dun centro de día.

Tras a reunión, a deputada realizaba un percorrido pola vila. Blanco lamentaba que os veciños da comarca, “ademais de incomunicados, vanse ver castigados polo desleixo e o desinterese do goberno galego, que renuncia a apoiar aos produtores de castaña diante dos danos provocados polas últimas xeadas”.

Artigos relacionados

Back to top button