Neste 29 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Psoriase, data destinada a visibilizar esta enfermidade inflamatoria crónica da pel, que en Ourense o Servizo de Dermatoloxía estima afecta ao redor de 7.500 ourensáns, a maioría de carácter leve e boa resposta a un tratamento local, non si en preto do 30% casos esta pode ser moderada ou grave, con afectación articular, velaí a importancia do diagnóstico precoz e a instauración temperá de tratamento.
A doutora María Pousa, dermatóloga do Hospital Universitario de Ourense, explica que “unha de cada corenta persoas ten psoriase, aínda que na maioría dos casos cursa dunha forma leve”. Caracterízase por unha renovación excesiva das capas superficiais da epiderme, o que se manifesta a través de placas vermellas e descamacións visibles, cubertas por escamas brancas, secas, que se localizan en cóbados, xeonllos, tronco e coiro cabeludo “é unha enfermidade crónica que en moitos casos pode condicionar a vida dos pacientes, xa que deixan de facer cousas no seu día a día ou se cohiben ao relacionarse cos demais”.
A psoriase é polo tanto máis que unha afección da pel, xa que é unha enfermidade inflamatoria, crónica, sistémica, non contaxiosa e de base inmunolóxica, que pode chegar a producir un efecto dominó sobre a saúde en xeral dos pacientes. Moitos destes enfróntanse tamén a percepcións sociais erróneas. “A psorIase non é unha enfermidade contaxiosa. Non se “pega”, non hai risco ao tocar a unha persoa con psoriase, pero si é unha enfermidade inflamatoria propia do organismo”, incide a doutora Pousa.
Aínda que se asocia principalmente á pel, a psoriase tamén pode afectar ás articulacións e está relacionada con múltiples comorbilidades, como artrite psoriásica, enfermidade cardiovascular, obesidade, depresión e diabetes. Non hai diferenza na prevalenza por xénero, e pode presentarse a calquera idade “A pel é só unha das dianas da enfermidade; temos que pensar na psoriase como algo máis global”, sinala a dermatóloga.
Novos tratamentos biolóxicos
Nos últimos anos, o avance da investigación permitiu dispoñer de novos tratamentos biolóxicos, dirixidos a frear directamente os mecanismos inflamatorios da enfermidade, mellorando de forma notable o control dos casos moderados e graves. “Hoxe contamos con moléculas moi eficaces que nos permiten tratar a inflamación de maneira específica e mellorar a calidade de vida dos pacientes”, destaca a doutora Pousa.
Durante décadas, os tratamentos enfocáronse en reducir os síntomas visibles pero, nos últimos anos, a medicina avanzou cara a un novo paradigma: modificar o curso da enfermidade. Este concepto implica ir máis aló do alivio superficial: tratar de forma precoz e eficaz non só mellora os síntomas, senón que tamén pode evitar danos estruturais, frear a progresión e mellorar a calidade de vida a longo prazo.
A intervención precoz en psoriase implica chegar ao diagnóstico de forma temperá, iniciar tratamentos efectivos, canto antes, e monitorear activamente o estado xeral do paciente, incluíndo aspectos psicosociais e comorbilidades. Segundo os dermatólogos, este enfoque pode xerar beneficios acumulativos, como un mellor control clínico, menos recaídas, menor risco de dano articular e unha maior adherencia terapéutica.
En calquera caso, aproximadamente o 70 % dos pacientes presenta unha psoriase leve, que adoita responder a tratamentos tópicos. Os especialistas lembran que o primeiro paso, ante calquera alteración cutánea, é acudir ao médico de cabeceira, quen valorará o caso e derivará ao dermatólogo de ser preciso. “Cada paciente é distinto e o tratamento debe adaptarse ás súas necesidades, ás súas expectativas e mesmo ás súas fobias, como o medo ás agullas”, conclúe a doutora María Pousa.