CulturaCulturaÚltima hora

Descubren tres tumbas medievais no castro lucense de San Lourenzo

Publicidade
Dátanse en torno ao s. XII e considéranse os restos funerarios máis antigos da Terra de Lemos dende o achado nos anos 40 das “Momias de Proendos” en Sober
Escavación no Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón)./ Foto: Foto: Proxecto arqueolóxico Castro de San Lourenzo.

As escavacións que se están a desenvolver dende primeiros de xullo no Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón) revelan novos datos sobre o pasado deste xacemento. O equipo arqueolóxico, que dirixe Xurxo Ayán, vén de sacar á luz tres tumbas medievais.

Na campaña do pasado verán escavábase xa unha antiga capela ocupada probablemente dende o século XI ata o XIX. Agora o equipo regresaba a ese mesmo punto e proseguía coa escavación nalgunhas zonas que ficaran intactas. Era así como localizaban dúas tumbas no interior dunha edificación anexa e unha terceira no exterior do edificio. Están feitas directamente no substrato rochoso a xeito de foxas e delimitadas na súa contorna por unhas pedras fincadas. Teñen orientadas leste-oeste, como é habitual no cristianismo.

O achado é de suma importancia, en opinión de Xurxo Ayán, xa que “reforza a idea de que o edificio fose a antiga igrexa parroquial de Cereixa e non simplemente unha capela rural, o cal era unha das hipóteses de partida do noso equipo. Trátase de feito dun espazo sacro de longa duración, ocupada entre os séculos XI e XIX, que semella estar vencellado á antiga ruta xacobea do Camiño de Inverno”. Asemade considéranse os restos funerarios máis antigos da Terra de Lemos dende o achado nos anos 40 das “Momias de Proendos” en Sober, datadas tamén en época medieval.

Tendo en conta a tipoloxía destes enterramentos atopados e os materiais asociados, o equipo arqueolóxico sitúaos cronoloxicamente en torno ao século XII, aínda que tamén se valora a posibilidade que poidan ser anteriores. “Para tratar de datalos, vanse facer unhas analíticas de Carbono 14 dos carbóns atopados, así como análises das cerámicas a cargo do Incipit-CSIC e a Universidade do País Vasco”, adiantan.

Unha das tumbas é do tipo coñecido como “de orelleiras” por presentar sendas pedras situadas a ambos lados da parte da cabeza para mantela ergueita. “O cristianismo cre na resurrección, de aí as orelleiras, para que cando esta se producise, a cabeza do defunto estivese orientada ao altar”, engade Ayán.

 

Imaxe dunha das tumbas descubertas./ Foto: Proxecto arqueolóxico Castro de San Lourenzo.

 

Nun dos enterramentos atopáronse ademais dúas contas de colar, o que fai pensar aos arqueólogos na posibilidade de que sexa dunha muller. De aí que xa o alcumasen como a “Tumba de María Castaña”, veciña ilustre da parroquia de Cereixa. Nos próximos días escavaranse totalmente as tumbas descubertas, así como as inmediacións da capela coa esperanza de atopar máis enterramentos.

A intervención no Castro de San Lourenzo, promovida pola Asociación de Veciños María Castaña, é un proxecto de arqueoloxía en comunidade que busca a dinamización da parroquia da Cereixa, na que se asenta, e do seu entorno. No marco deste proxecto realízanse diariamente dúas visitas guiadas ao xacemento, de carácter gratuíto. Unha delas e ás 11:00 e a outra ás 19:00. Manteranse ata o vindeiro 15 de agosto. Os enterramentos recén descubertos incorpóranse tamén ao circuíto da visita.

As persoas interesadas poderán facer a súa reserva ou ampliar información a través da páxina de facebook do proxecto, https://www.facebook.com/sanlourenzonet/.
Máis información:
www.sanlourenzo.net

Artigos relacionados

Back to top button