EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Descubrindo a fonda cultura vivitinícola de Valdeorras, a través da Ruta do Viño

Unhas 24 persoas participaban no “Curso de Cata: De tal uva tal viño”, organizado por esta asociación nesta fin de semana

 

Catas de uvas e de viños, ademais de visitas a adegas, a antigos lagares rupestres ou a covas. O “Curso de Cata: De tal uva tal viño”, que promovía nesta fin de semana a Ruta do Viño de Valdeorras, resultaba todo un éxito. Desenvolvíase os días 25 e 26 de setembro e nel participaban un total de 24 persoas (entre elas había 4 viticultores) procedentes de lugares como A Coruña, Santiago, Burela, Mugardos, Ponferrada e, por suposto, da comarca de Valdeorras. “A participacion foi boísima, como xa sucedera na pasada edición. Cubríronse as prazas na primeira semana e quedou xente fóra”, destacan dende a Ruta do Viño de Valdeorras.

Esta actividade tiña na xornada do sábado unha duración de 6 horas e impartíase pola de mañá (11’00 a 14’00) e de tarde (16’30-20’30) no Hotel A Calzada (Arcos, Vilamartín de Valdeorras). O curso, impartido polo director técnico da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, constaba de dous apartados. Así, durante a mañá, os asistentes reailzaban cata de uvas brancas e tamén de 10 viños brancos de adegas pertencentes á Ruta do Viño e amparadas pola D.O. Valdeorras. E, xa pola tarde, procedíase á cata de uvas e viños tintos desta mesma denominación, en concreto, un total de 8.

 

 

O programa completábase neste domingo 26 de setembro, a partir das 11h., cunha visita aos lagares rupestres de Larouco, á Adega Cooperativa Virxe das Viñas da Rúa, á contorna da Falcoeira (O Bolo) e a Cova da Xabreira en Seadur (Larouco). Nesta última localidade un dos participantes no curso tamén amosaba a súa cova ao resto de asistentes.

Dende a Ruta do Viño de Valdeorras faise unha valoración moi positiva desta actividade. “A idea de facelo en dous días permítenos, a parte de amosar os viños, tamén achegar a cultura e o territorio, para incitar dese xeito a que a xente se quede. A resposta dos participantes foi moi boa e algunhas persoas pedíronnos xa que lles reservaramos praza de cara ao ano que vén”, destacan dende a organización.

Fotos: Ruta do Viño de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button