Nas características e singularidades dos viños valdeorreses envellecidos en barrica, así como nas diferentes madeiras utilizadas para iso afondaban os participantes no “Curso de cata: a arte do viño envellecido”, que organizaba nesta fin de semana a Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras.
A iniciativa, cunha parte práctica de cata e outra enoturística, tiña unha moi boa acollida. Así contábase con 26 participantes, que iniciaban o programa o sábado pola mañá (de 11h. a 14:30h.) coa cata de viños brancos e seguían de tarde (17’30-20’00) no Hotel A Calzada (Arcos, Vilamartín), coa cata de tintos.
A actividade foi guiada polo director técnico do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira, e o seu custo de participación era de 30€ por persoa.
Na xornada deste domingo chegaba a parte máis lúdica do curso coas visitas durante a mañá aos viñedos de Chandoiro (O Bolo), á contorna da Falcoeira e coa visita á Torre do Bolo.
O curso completábase cun xantar na Granxa Escola A Capilla de Lentellais (O Bolo).
Imaxes cedidas.