O pasado xoves día 3 de outubro, axentes de Policía Nacional integrantes do Grupo de Estupefacientes da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Comisaría de Ourense, detiñan a un home e unha muller como “presuntos autores dun delito contra a saúde pública ao estar en posesión dunha gran cantidade de cocaína e haxix”, culminando así varios meses de investigación orientados a conseguir a desarticulación dun importante centro de distribución de substancias estupefacientes en Ourense, no que se denominou policialmente como “Operación Giralda”.
“Tras numerosas dilixencias policiais de investigación, púidose establecer que os detidos estaban en posesión dunha notoria cantidade de substancias estupefacientes que almacenaban nun garaxe do Barrio da Milagrosa e que presuntamente estaba destinada ao tráfico e distribución da mesma cara a distribuidores intermedios que a poñían ao alcance do consumidor final das devanditas substancias”, explican dende a Policía Nacional.
Como culminación á operación policial, e previa autorización xudicial, practicáronse dous rexistros, “un deles nun garaxe situado no Barrio da Milagrosa, utilizado como “gardería” para o almacenamento da droga; e outro nun piso, situado nunha céntrica rúa da cidade no que residía a parella”. Como resultado de ambos os rexistros conseguiuse a incautación de máis de 3 quilos e medio de cocaína, mais de 16 quilos e medio de haxix, gran cantidade de diñeiro en metálico, telefonía móbil, distintos útiles empregados a elaboración, distribución e venda de drogas, ademais dun vehículo propiedade dos detidos que era utilizado para a distribución da droga.
A operación policial deriva de anteriores investigacións relacionadas co tráfico de estupefacientes na cidade polas que no seu día se practicaron diferentes detencións. “Nesta ocasión o obxectivo perseguido era o de neutralizar a un novo provedor situado nun chanzo superior na distribución dentro do armazón delituoso do tráfico de drogas en Ourense”, aseguran dende o corpo, adiantando que ambos os detidos “foron postos ao dispor xudicial no día de hoxe sendo decretado polo titular do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense, o ingreso en prisión do detido, acordando medidas xudiciais para a investigada”.