OurenseÚltima hora

Dez filmes nos que participan 15 países compiten no 19 OUFF

O Festival de Cine Internacional de Ourense vén de presentart as películas que se desputarán a Calpurnia nesta edición
Escea do filme chileno "La madre del cordero"./ Fonte: OUFF.
Escea do filme chileno “La madre del cordero”./ Fonte: OUFF.

Cinema latinoamericano, europeo e mesmo árabe. Un total de 15 países participan nas producións que competirán na sección oficial do 19 Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que se celebrará do 15 ao 23 de novembro. Variedade de procedencias e tamén de xéneros, se ben predomina o drama e a temática social, aínda que non falta a comedia.

A organización do OUFF facía pública na mañá do 3 de novembro a relación de longametraxes do certame, unha escolma que lle permitirá “ao espectador botar unha ollada ao emerxente cinema latinoamericano ou gozar de obras premiadas noutros festivais internacionais”.

Así a listaxe de filmes, segundo se informa dende o OUFF, é a seguinte:

A história da eternidade | Camilo Cavalcante | Brasil
Nunha pequena aldea interior, tres historias de amor e desexo revolucionan a paisaxe afectiva dos seus habitantes. Personaxes dun mundo romanesco, no cal os seus conceptos da vida están limitados, dun lado polos instintos humanos, do outro por un destino cego e fatalista.

De nieuwe wereld | Jaap van Heusden | Holanda
Un encontro casual entre unha limpadora holandesa e un solicitante de asilo de África leva a unha relación inesperada e a dez días extraordinarios.

El cerrajero | Natalia Smirnoff | Arxentina
Sebastián é un cerralleiro de 33 anos que non cre nas relacións exclusivas. Mónica, a súa parella máis estable dos últimos cinco meses, queda embarazada e é moi probable que el sexa o pai. Ao mesmo tempo, Sebastián comeza a experimentar algo inesperado: ten visións sobre as persoas que o chaman para que arranxe as súas portas.

Kebab i horoskop | Grzegorz Jaroszuk | Polonia
Un grupo de inadaptados que traballa nunha tenda de alfombras encontra a oportunidade de dar un xiro ás súas vidas coa axuda de dous expertos en mercadotecnia: un ex dependente dun kebab e o ex autor de horóscopos nunha revista de natureza.
La madre del cordero | Rosario Espinosa Godoy – Enrique Farías Bargüena | Chile
Cristina, unha muller de 49 anos, estivo toda a súa vida coidando a súa nai Carmen. Atópase con Sandra, unha ex compañeira que, libre e sen prexuízos, mostraralle á súa amiga outras formas de vivir.

La preuve | Amor Hakkar | Alxeria-Francia-Emiratos Árabes
Ali, un condutor de taxi en Alxeria, e a súa dona, Houria, non poden ter fillos. Cando el vai a outra cidade para probar a súa fertilidade, é acusado por Fátima, unha muller embarazada, de ser o pai do seu bebé.

La vida después | David Pablos | México
Samuel e Rodrigo son dous irmáns adolescentes que viven nos arrabaldes dunha pequena cidade coa súa nai enferma dun trastorno mental. Un día ela desaparece de xeito estraño, deixando unha nota na mesa.

Ohne dich | Alexandre Powelz | Alemaña
Tres historias conectadas vagamente. A relación entre a parteira Rosa e o terapeuta Marcel queda marcada por un cancro. Vagando sen rumbo pola vida, a camareira Motte horrorízase ao descubrir que está embarazada. Por último, a limpadora Layla négase a aceptar que o seu ex a deixou por unha muller máis nova.

Simindis kundzuli | George Ovashvili | Xeorxia-Casaquistán-Alemaña-Francia-República Checa
O río Inguri forma unha fronteira natural que divide Xeorxia de Abjasia. Unha das inundacións de primavera formou unha pequena illa no medio do río, como se estivese feita para o cultivo de millo. Cando menos, esta é a crenza dun vello labrego cuxo rostro queimado polo sol semella a paisaxe que pisou durante decenas de anos.

Toastmaster. El maestro del brindis | Eric Boadella | España-EUA
Para o solitario tío Kapriel, a visita do seu sobriño e único parente significa a última oportunidade de legar a tradición familiar do “mestre do brinde”. Kapriel ten claros os plans para o seu hóspede, mais Alek ten os seus propios plans para a fin de semana e non é aprender ningunha vella tradición. Alek quere remover o pasado e facer unha película sobre quen, segundo el, foi o home máis perigoso da mafia armenia, o seu tío Kapriel. Un pasado, verdadeiro ou non, que pode poñer en perigo moito máis que a tradición.

Artigos relacionados

Back to top button