
Será a súa terceira participación como músico no Festival Intercéltico de Lorient (Francia). Diego Prieto, natural de Castro Caldelas, vén de ser seleccionado como un dos catro gaiteiros que representarán a Galicia no Trofeo Internacional MacCrimmon de gaita solista, que se celebrará en agosto no Festival Intercéltico de Lorient (Francia).
A selección destes gaiteiros tiña lugar nunha fase previa do concurso que se celebraba o domingo 24 de abril na localidade de Teo (A Coruña). Os participantes tiñan que enfrontarse a diversas probas musicais: tocar durante 5 minutos seguidos música galega de autor ou tradicional, unha peza do repertorio bretón de música tradicional e outra asturiana con gaita asturiana.
Diego Prieto era o único gaiteiro da provincia de Ourense nesta selección, e ademais de reforzar o aspecto da gaita galega, tamén se preparou e estudou repertorios como o bretón e o asturiano. Este caldelao interpretaba dentro do repertorio galego dúas composicións propias “Notas tristes para unha vida leda” (con arranxos de Manuel V. Augusto) e “Jota descafeinada con ghotas de distonía”. Por outra banda, tocaba a suite bretoa “Non temperé” e “Marie LeCam”. E finalmente, xa no repertorio asturiano, “Jota del centru”.
Para preparar as pezas galegas contaba co apoio de Daniel Bellón e Xosé Miguélez, mentres que no asturiano tiña a axuda de Jorge Suárez Carbajal e Rodrigo Joglar, aos que lles amosa o seu agradecemento.
Diego Prieto amósase moi ilusionado de volver representar a Galicia neste concurso internacional de gran nivel, cuxa final se celebrará o 5 de agosto en Lorient e no que os galegos competirán polo título contra 4 asturianos.