DeportesEnduroÚltima hora

Diego Teixeira: “Os 40 pilotos que ían diante de min son os mellores do mundo”

O piloto barquense quedaba a un só posto da súper final no mundial de enduro extremo disputado en Aguilar de Campoo (Palencia)

Diego Teixeira (Nº 42) durante a carreira. / Foto: Por un Instante Fotografía.

 

Obxectivo cumprido. Diego Teixeira levaba anos correndo no enduro tradicional cando decidía enfocar a súa afección pola modalidade máis extrema deste deporte, poñendo as miras nunha competición internacional. E así o facía na fin de semana do 7 ao 9 de outubro, correndo no Hixpania 2022, a última proba do mundial de enduro extremo, na categoria máxima, celebrada en Aguilar de Campoo (Palencia).

Tal como se esperaba foi unha carreira moi esixente e, tras unha pequena crono o venres para coñecer os postos de saída na que o piloto barquense conseguía situarse na terceira fila, na xornada do sábado disputábase a carreira extrema propiamente dita ao redor do encoro de Aguilar de Campoo e aí Teixeira non lograba facer unha boa saída. “Na 1° curva xa estaba dos últimos da miña fila pero fun remontando pouco a pouco”, conta o piloto, recoñecendo que nas zonas rápidas de area ía moi cómodo coa súa Gas Gas polo que podía apretar e acercarse a outros pilotos “pero en zonas máis extremas de pedra había que andar con moito coidado porque as caídas en rochas tan grandes e escarpadas poden ser perigosas e tampouco quixen arriscarme a romper a moto nin  mancarme”, di.

 

O piloto barquense Diego Teixeira xunto á súa Gas Gas./ Foto cedida.

 

Así pois, ao final de 4 intensas horas sen apenas descanso para repostar, o barquense finalizaba no posto 41 a un paso de clasificarse para a súper final do domingo na corrían 40. “Foi unha mágoa pero eses 40 pilotos que estaban diante de min son os mellores do mundo e pouco máis podía facer eu”, asegura Diego moi contento coa carreira e a súa pilotaxe aínda que recoñece que a partir das 3 horas de carreira xa se notaba cansado. “O físico xa non era o mesmo e iso si que se nota moito á hora de querer intentar ir máis rápido”, explica este apaixoado do motor, agradecendo o papel dos “amigos e compañeiros que estiveron ao meu carón en todo momento e a Javi Bezana con zona paddock por facerme unha asistencia de 10 toda a fin de semana”, conclúe Teixeira agradecido e satisfeito con esta nova experiencia.

Artigos relacionados

Back to top button