ConcellosÚltima hora

Disvalia programa unha concentración no Barco para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

No acto, previsto para o luns 4 de decembro pola mañá na praza do Concello, tamén participan Morea e Asfaval
Membros de Disvalia na sede da asociacion, no Barco./ Foto: Mónica G. Bellver.

Hoxe, 3 de decembro, celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, pero os actos conmemorativos organizados dende Disvalia (Persoas con Discapacidades de Valdeorras Asociadas) terán lugar na mañá do 4 de decembro na praza do Concello do Barco de Valdeorras.

Alí instalarán a partires das 10 da mañá un mercadiño de plantas de Nadal, para recadar fondos para a sociación, no que ademais venderán Loteria e informarán sobre o labor da asociación que nacía hai seis anos co obxectivo de “conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade, en todos os ámbitos da sociedade”.

Con ese fin, e baixo o lema “Todos baixo o mesmo paraugas”, en torno ás 13h. terá lugar unha concentración na que tamén están implicados Morea e Asfaval, dous colectivos que “se suman á campaña para promover unha sociedade máis plural e diversa”, explica a presidenta de Disvalia Begoña Dacal, adiantando que tamén se lerán manifestos e presentarán a través de imaxes, a memoria da asociación.

Dende Disvalia aseguran que o acto de mañá servirá tamén para lembrar que “é a data límite posta por Europa para que todos os servizos sexan accesibles, algo que non se cumpriu”, asegura Dacal, advdertindo que este ano “será moi reivindicativo”. Entre as melloras que si conseguiron está a plataforma para acceder ao tren pero aínda queda moito por facer. “Unha praza de eurotaxi sería estupendo”, concúe Begoña convidando a todo o mundo a que asistir mañá ao acto na praza barquense cun paraugas.

Artigos relacionados

Back to top button