A VeigaConcellosÚltima hora

Diversión e aprendizaxe cos máis pequenos na III Convivencia Intercomarcal Lela e Tuxo

Este encontro de nenos de 0 a 3 anos e das súas familias tiña lugar o 1 de xullo na Veiga

 

Na praia do Coiñedo (A Veiga) desenvolvíase a terceira edición da Convivencia Intercomarcal Lela e Tuxo na xornada do 1 de xullo. Este encontro lúdico e educativo de nenos de 0 a 3 anos e das súas familias retomábase con forza logo de dous anos de obrigado parón por mor do Covid.

Nesta ocasión na convivencia participaban unha decena de centros: o PAI (Punto de Atención á Infancia) de Vilariño de Conso, as 2 casas nido da Veiga, a Casa niño de Larouco, a Casa niño de Manzaneda, a Casa niño da Gudiña, a Casa niño da Mezquita, o PAI do Riós e o Programa de Conciliación Familiar da Asociación Os Tres Reinos da Mezquita. Tamén acudían familias vianesas. En total reuníanse un cento de nenos coas súas familias.

 

 

No encontro, que tiña como protagonistas a Lela e Tuxo, colaboraban a Cruz Vermella de Verín, a Dirección Xeral de Tráfico e o GES da Veiga, ademais de voluntarios. Durante a convivencia había diversos obradoiros infantís, un photocall, inchables para os cativos, que probaban a subirse nas motos da DXT, xunto con xogos populares (a cargo da Deputación de Ourense). Tampouco faltaba a animación musical de Ocio Galicia nin as historias do contacontos Anxo Moure.

Dende a organización faise un balance moi positivo desta edición que se espera poida continuar o vindeiro ano, desta volta sería xa en Viana do Bolo.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button