En portadaÚltima hora

Do pasarrúas co Apalpador á Cabalgata de Reis pasando pola carroza de Papá Noel, no Nadal da Rúa

Carroza de Papá Noel no 2019, antes da pandemia./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O concello da Rúa está xa preparado para gozar da maxia do Nadal cun amplo abano de actividades especialmente dirixidas ao público infantil, que se estenderá do 19 de decembro ao 8 de xaneiro e que incluirá as visitas do Apalpador, de Papá  Noel e dos Reis Magos.

O programa arrancará o luns día 19 co contacontos ‘O axundante de Papá Noel’ na Biblioteca Municipal e tres días despois haberá un espectáculo Pomper con chocolatada no Pavillón Polideportivo. Con todo, o primeiro acto destacado será o día 23 da man de Abertal e A Ruada co pasarrúas do Apalpador polo centro do pobo a partir das seis da tarde. Ao día seguinte, 24 de decembro será o turno de Papá Noel cuxa carroza percorrerá a vila ata a praza do Concello, da man da Asociación San Cristóbal.

 

 

Pechando o mes e o ano, o día 30 haberá un espectáculo infantil no Centro Cultural Avenida e o día 31 dúas actividades: ás 11:30 horas celebrarase no Aguillón a X Carreira e Andaina Popular do Nadal e ás 20 horas un brinde comunitaria na praza do Concello.

O 2023 arrancará cun parque de inchábeis no pavillón polideportivo do 1 ao 4 de xaneiro de 16 a 20 horas e para o día 5 pola tarde queda outro prato forte, a Cabalgata dos Reis Magos que comezará ás 15 horas coa visita ás residencias de maiores e Centro de Día e rematará en torno ás 19 horas coa recepción na praza do Concello depois de percorrer a vila repartindo caramelos.

O día 7 será a despedida do Nadal o parque de inchábeis de 16 a 20 horas e o día 8 A Ruada porá en escena súa obra de teatro ‘O cantar dos cantares’.

A todas estas actividade hai que sumarlle una ampla programación de cine no Centro Cultural Avenida.

 

Artigos relacionados

Back to top button