ConcellosO BarcoÚltima hora

Dobre participación da asociación barquense De Nai a Nai no proxecto “Iniciativas xurídicas e lactancia”

Esta iniciativa está a ser desenvolvido pola Federación Española de Asociacións Pro-Lactancia Materna neste ano 2021

 

A Federación Española de Asociacións Pro-Lactación Materna (Fedalma) vén de iniciar neste ano 2021 un proxecto de colaboración coa Clínica Xurídica da Universidade Miguel Hernández de Elxe, a través do cal quere profundar en todos aqueles temas aínda presentes e susceptibles de mellora ao redor da conciliación familiar e laboral.

O seu título é “Iniciativas xurídicas e lactancia e nel participa a Asociación De Nai a Nai do Barco. “Esperamos que todos os coñecementos e datos que solicite este proxecto permitan nun futuro desenvolver novas iniciativas de apoio a todas as mulleres, e máis concretamente a aquelas que elixiron aleitar aos seus fillos/as”, indican dende a directiva desta entidade.

Para o desenvolvemento deste proxecto convócanse reunións online, reunindo a grupos reducidos (de 4 a 7 asociacións agrupadas por proximidade xeográfica), para que expoñan a problemática xurídica actual das súas socias no seu territorio, así como posibles solucións. Estas reunións están a levarse a cabo semanalmente, de febreiro a xuño. Na reunión celebraba o 26 de marzo participaba De Nai a Nai.

No encontro, esta asociación plantexaba unha serie de cuestións. “Entre as peticións, coincidimos coa que realizou ata o de agora o 100% das asociacións que participou ata o momento: a ampliación do permiso de maternidade ata os 6 meses, para así cumprir coas recomendacións da OMS (Organización Mundial da Saúde), que indican que se manteña a lactación materna exclusiva ata os 6 meses”, explica a presidenta de De Nai a Nai, Lorena Prada. Ademais, “solicitamos que as horas do permiso de lactación se poidan acumular en xornadas completas en todos os casos. Solicitamos que este dereito sexa universal e non quede suxeito a convenios laborais”, engade Prada.

Outra das peticións formuladas por De Nai a Nai é a de “medidas para reverter a situación que padecen as traballadoras eventuais, que ven minguados os seus dereitos con respecto a traballadoras con contratos de longa duración”. Ademais propoñían que se  “informe e forme en materia de riscos laborais específicos durante o embarazo e a lactación a empresarios/ as, traballadores/ as e mandos intermedios. Cada vez son máis as mulleres que conseguen esa protección fronte aos riscos presentes nos seus postos de traballo, a través dunha sentenza, e o que se pretende é isto, evitar denuncias, e que este tema soluciónese o máis rápido posible. A nosa petición específica, relacionada coa industria da nosa zona, é a equiparación dos riscos laborais da minería a ceo ao descuberto, coa minería subterránea”.

Ademais da citada intervención, como o resto de asociacións federadas, De Nai a Nai, representada por Lorena Prada, participa en todas as reunións, xa que pertence á Comisión de Conciliación e Igualdade de Fedalma, organizadora deste proxecto. Esta comisión leva máis dun ano traballando en iniciativas similares. Xa en 2020 presentou ante o Ministerio de Traballo unha proposta, e espera que “este traballo conxunto coas asociacións, conduza aos cambios necesarios para que as nais poidan conciliar familia e traballo, e sentan protexidas nos seus postos de traballo”, indica Lorena Prada.

Artigos relacionados

Back to top button