En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Doce artistas expoñen no Barco no marco de enBarcArte

Publicidade
Inaugúrase a exposición colectiva de arte contemporánea Inter-relacions. Patróns de converxencia

Dende hoxe e ata o día 30 permanecerá aberta na Sala Abanca do Barco de Valdeorras, a exposición colectiva de arte contemporánea Inter-relacions. Patróns de converxencia.

Trátase dunha mostra incluída en enBarcArte, o Festival de Instalacións Artísticas no contexto urbano do Barco, que reúne a obra de doce artistas, tres deles do Barco, que exploran con diferentes sensibilidades, materiais e ideas as calidades e características sociais, culturais, políticas, comunicativas, etc que definen a heteroxeneidade da sociedade actual.

Segundo o seu promotor e comisario Jorge Barredo “é unha exposición de arte emerxente, por audaz e non histórica”. De feito, a presenza de colectivos de artistas “ten no seu xerme o cuestionamento dalgúns convencionalismos dominantes na creación artística como a autoría, o concepto do xubxectivo e a orixinalidade”.

Quen se achegue ata a sala, de luns a venres de 18 a 21h. e os sábados de 12 a 14 e de 18 a 21h. poderá ver as propostas, feitas en exclusiva para esta exposición, de: Jorge de Soto, Bárbara L. de Toledo, Takataca, CalaveraClon, Marga Garrido, Clotilde Lajusticia, Ana Azcona, 111,070, Los Ratón, e os barquenses Iván Prieto, Luis Enrique Rodríguez Coquixo e o propio Jorge Barredo.

A inauguración tiña lugar na tarde do 8 de setembro e contou coa presenza dalgúns dos artistas, da concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta e do alcalde Alfredo García quen coincidiu coa concelleira na aposta por esta iniciativa, dando as grazas aos artistas aos que asegurou que “sodes agora embaixadores do Barco máis grande do mundo e nós estamos dispostos a seguir apostando pola cultura”. Margarida pola súa parte asegurou que “as expectativas que tiñamos cubríronse con creces”, destacando “o nivel” dos participantes na exposición.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button