Na primeira edición do Concurso de Viños Casino de Madrid a Denominación de Orixe Ribeiro vén de recibir un total de 12 galardóns. Este certame tense desenvolvido en formato de cata a cegas do 3 ao 6 de novembro en Madrid, adaptándose ás normas sanitarias aínda que reducindo o número de xurados catando simultaneamente na sala.
Un gran ouro recaeu no viño Ramón do Casar Nobre 2018. Cinco distincións de ouro foron para Alberte 2019, Canción de Elisa 2019, Farnadas 2019, Galegos de Choiva e Calma Godello 2019 e Tamborá 2019. Por último, os viños Ama Vida 2019, Gran Alanís 2019, Pazo Lalón 2019, Ramón do Casar 2019, Ramón do Casar Godello e Val de Nairoa 2017 recibiron medalla de prata.
O presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara, sinala que “estes premios reafirman novamente a alta calidade dos nosos viños, así como o bo facer dos nosos viticultores, adegas e colleiteiros”.