CulturaCulturaÚltima hora

‘Dopamina Zero’, a curta que trata a enfermidade do Párkinson a través dunha historia de amor, rodarase en abril de 2025 no Barco

O director de cine Rodrigo Marini e o seu equipo desprazaranse ata Valdeorras

Na sala de máquinas do cine do Barco, na viaxe para ver localizacións e xestións da preprodución. José María Rodríguez (productor asociado), Verónica Timossi (directora de Produción), Rober López (director de Produción), David Santamaría (axudante de Dirección) e Rodrigo Marini (director)./ Foto cedida.

 

Despois do éxito da súa anterior obra, Dragón Blanco, coa que conseguía entre outros o Premio Lorca á mellor curtametraxe nacional, Rodrigo Marini, produtor, realizador e director de cine arxentino cunha forte vinculación con Valdeorras, volve a casa para rodar un novo traballo, desta volta integramente no Barco, cambiando de rexistro e con moita colaboración local.

Do 8 ao 12 de abril rodarase na vila barquense Dopamina Zero, a historia dun músico cunha enfermidade multisistémica neurodexenerativa como é o Párkinson, contada a través dunha historia de amor. “A vida do protagonista cambia cando coñece a Valentina, dependenta nunha tenda de discos de segunda man”, conta Marini, adiantando que rodarán en Ton y Son; en Café Teatro Bajo 5; nun 6º piso da rúa Marcelino Suárez; e en exteriores pola rúa Escura, polo Malecón, pola pasarela, pola estrada xeral,… o que a converterá nunha curta 100% barquense.

“Rodar no Barco de Valeorras, á parte de que é a miña terra e faime moita ilusión levar a todo o meu equipo para aí, daralle moita máis personalidade á curta que nunha gran cidade porque se algo ten, co río Sil e as súas rúas, é un ambiente bohemio e moi noso. Creo que a historia vai ser máis romántica e persoal, que contada no Barco vai ganar a nivel visual, á marxe do que a min me afecte a nivel emocional, porque ten localizacións que no cine non están vistas e aportan un osíxeno e aire diferente a unha gran urbe”, asegura o director de cine que contará co mesmo equipo de Dragón Blanco (Black Fiction Producciones, produtora de Rodrigo Marini e David Santamaría) ao que se sumou Claqueta Blanca, a produtora de Gerardo de las Morenas. “Toda a parte de produción incorpórase nova e o equipo técnico (fotografía, cámaras, vestiario,…) é o mesmo, formando xuntos unha gran familia”, explica Marini.

 

Portada do dosier de ‘Dopamina Zero’. Foto cedida.

 

Do reparto formarán parte actores como Veki Velilla, Cristina Mediero (Premio Lorca 2024 á mellor actriz de longametraxe en Granada, Roman Rymar, Antonio Meléndez, Álex Navarro, Álvaro Tejero, Nacho Serapio,… e o barquense José María Rodríguez que fará un cameo ademais de ser produtor asociado, “porque é amigo meu e fíxoo tan ben en Dragón Blanco que lle propuxen ser figurante”, dunha idea orixinal do propio Marini que será tamén o director “porque esta historia é importante para min. Trátase dunha historia de ficción pero baseada en persoas cercanas, que coñezo con párkinson, que me deron as ferramentas e os coñecementos para poder contala”, di Rodrigo, autor do guión.

Black Fiction Producciones, a produtora de Marini e Santamaría adoita facer máis cine negro, de acción, con toques de artes marciais e humor negro, cambiando agora de rexistro cun drama social serio, “que si terá toques de comedia negra nalgúns momentos porque cambio de xénero pero sigue sendo o meu estilo”, para contar unha histoira que non buscou. “Presentouseme diante e pensei que a tiña que contar porque é narrar o que hai detrás do Párkinson. Todo o mundo cre que é unha enfermidade de persoas maiores que tremen e realmente o que hai baixo a pel, que non se vei, é o realmente duro e conleva moitos problemas que só coñecen quenes a padecen e os seus coidadores, algo digno de ser contado”, di un emocionado Marini, convencido de que á parte do romance, cunha historia de amor moi bonita, a curta ten un trasfondo social importante que dará visibilidade a unha enfermidade da que pouco se sabe.

“Despois de falar con médicos, psicólogos, enfermos, asociacións… dinme conta de que non sabía o que era. Eu veño dunha familia que se adica á medicina e estou acostumado a que en casa se fale de enfermidades das que coñecemos o nome pero no caso do Párkinson é multisistémica o que quere dicir que de 30 pacientes poden ter todos síntomas diferentes, que pode darse con 40 anos e pode xerar demencia”, conta o director de cine, explicando o título da curta, Dopamina Zero. “A dopamina é un neurotransmisor que transmite ilusión, alegría, e cando che falta fáltache a ilusión. Controla os movementos pero tamén a ilusión e unha das cousas que me impactaron, documentándome para este guión, foi que podes vivir con temblores pero non sen ilusión e iso é algo que hai que contar. É un tema duro e hai cousas que doe ver pero hai un halo de esperanza vencellado ao amor, co cal é unha historia esperanzadora e con futuro para o personaxe dentro da enfermidade que non ten cura”.

 

David Santamaría e Rodrigo Marini na Semana de Cine do Barcco./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

En abril de 2025 trasladarase ata O Barco un equipo de 30 persoas dende Madrid o que supón un presuposto alto. “Nas longametraxes hai moito tempo e moito diñeiro e nas curtas pouco tempo e pouco diñeiro porque facemos un produto de 20 minutos pero ao nivel dunha longa co cal resulta moi caro e se non é polas axudas que recibimos teriamos que baixar a calidade e o que pretendemos é subir o nivel con cada cousa que facemos”, di Marini, agradecendo todos e cada un dos apoios cos que conta.

“É un provilexio poder rodar esta curta no Barco de Valdeorras porque sentímonos moi apoiados, co cal se xa tiñamos ganas, despois de involucrar a tanta xente necesitamos facelo moi ben”, di, mencionando ao Concello do Barco “ao que lle estou moi agradecido por todo, Marga e Alfredo tiveron un trato exquisito comigo”, así como ao resto de xente do Barco, “Jorge e Vanessa de Ton y Son; Manu e Naya de Bajo 5; José María; o Restaurante Dock que nos porá o cátering; a cafetería de Elvira e Luis que nos dará os almorzos; a Tenda de Raquel de Petín… A moblería de Viloira que nos presta os mobles para a casa, Roberto Dobao que nos botará unha man en perruquería,… temos unhas axudas extraordinarias. Antón da tenda Beep déixanos para a rodaxe un Citroën 2 Cabalos espectacular, Epifanio Campos tamén é produtor asociados entre outros”, di, destacando tamén a colaboración de artistas locais como Lola Doporto ou Iván Prieto, para “amosar O Barco e tamén aos seus artistas, ambientando coa arte valdeorresa as localizacións”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button