ConcellosOpiniónRubiáÚltima hora

Dous anos despois do incendio que destruíu a igrexa parroquial de Barrio e Castelo (Rubiá)

Texto escrito polo párroco Daniel Pérez Quintela

 

En pouco máis de tres meses, cúmprense dous anos dos tráxicos incendios que arrasaron a nosa comarca de Valdeorras. Foron momentos de gran angustia e de moito sufrimento ao contemplar como o lume destruía os nosos montes, bosques e casas de pobos da zona, aniquilando moitos recordos e ilusións. Si, en verdade estes incendios foron causa de moita dor, pero agora a piques de cumprirse dous anos renace a esperanza de ver como a reconstrución e os soños poden volver nacer cal ave fénix das súas cinzas.

 

 

Aínda teño gravado na miña memoria o sentimento de desolación que experimentei ao entrar na igrexa parroquial de Barrio e Castelo, coas vigas aínda botando fume. Non quedara máis nada que as paredes, o altar, o ambón e a pila bautismal. Todo o resto quedara reducido a entullos: os retablos, o coro, os bancos, o teito, … Todo o traballo do pobo e o dos meus compañeiros, párrocos anteriores a min, quedara reducido á nada máis absoluta.

 

 

Pasaron case dous anos destes sucesos e contemplar o traballo de reconstrución que se está facendo é reconfortante. Grazas ao convenio establecido pola Xunta de Galicia e a Diócese de Astorga, a reconstrución da igrexa parroquial de Barrio e Castelo estará terminada, aproximadamente, a mediados de maio. E ante este feito tan significativo, como párroco, creo que me corresponde facer unha memoria agradecida. En primeiro lugar, grazas a Elías e ao Concello de Rubiá por atendernos en todo momento. Grazas de todo corazón a Mari Carmen, alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e presidenta do GDR Valdeorras por todo o seu apoio e labor á hora de conseguir o convenio coa Xunta. Grazas a Herminio, o meu antecesor e grazas á parroquia de san Antonio pola súa extrema solidariedade. O mesmo a José Antonio Madeiro e á parroquia de Flores del Sil. Grazas a Concepción Moral Calvo e a José Arias Arias, por doar a lousa do tellado, sen a súa xenerosa achega, dificilmente a igrexa podería reconstruírse este ano. Grazas tamén á empresa Restaurart polos seus consellos e a doazón da restauración do Sagrado Corazón. Por último grazas a Jesús Álvarez, párroco do Barco polos seus consellos e xenerosidade.

 

 

Para terminar quixera convidar a todos a colaborar, xa que a mediados de maio quedará terminada obra pero a Iglesia quedará “espida”. Entre a solidariedade de todos, estou convencido de que lograremos vestila con bancos, megafonía, santos, e oxalá, teñamos o suficiente para que a igrexa poida contar cun pequeno pero digno retablo.

 

 

Calquera achega, por pequena que sexa, é benvida. Pódense facer chegar os donativos ao seguinte número de conta: ES7620805335163000017605. É bo lembrar que para que os donativos desgraven é necesario informar ao párroco para que tome nota dos datos e conste o donativo para a desgravación de facenda.

Texto e fotos: Daniel Pérez Quintela, párroco entre otros pobos, de Rubiá e Barrio e Castelo.

Artigos relacionados

Back to top button