A vida dá moitas voltas e pode acabar reunindo a veciños, amigos ou colegas nos lugares máis insospeitados. E senón que llo digan a Marisu Miranda e Óliver Álvarez, dous galegos orixinarios do Barco de Valdeorras que foron a coincidir na cidade estadounidense de Nova York, traballando nun proxecto para a multinacional galega Zara.
Marisu Miranda, empresaria, modista e artista, traballa dende hai oito anos como asesora nunha axencia de modistas de Nova York, por iso ten a oportunidade de traballar con grandes firmas internacionais. Desta volta, foi para a propia Zara, no marco dun novo proxecto de comercio electrónico (ela foi a encargada dos accesorios), onde coincidiu con Óliver, fotógrafo da firma galega dende hai dez anos.

Tal como explica a propia Marisu, a compañía comezou moi forte a tempada e desprazou ata a cidade dos rañaxeos a un equipo, coa directora xeral á cabeza, de diferentes partes de España e dous estilistas desde China. “Óliver e máis eu somos os únicos galegos neste proxecto, e os dous do Barco”, di entusiasmada e moi orgullosa. Sen dúbida unha gran coincidencia aínda que tamén é certo que hai barquenses espallados por todo o mundo.
Na galería de imaxes podemos ver diferentes momentos do traballo, dende as perchas coas prendas de Zara ata as sesións de fotos para Internet.

Fotos cedidas.