A RúaConcellosO BarcoÚltima hora

Dous condutores denunciados por incumprimento da mobilidade nocturna no Barco e na Rúa, positivos en drogas e alcohol

Ambas actuacións producíanse na madrugada do pasado sábado día 31, segundo informa a Garda Civil

 

Na pasada fin de semana dous condutores eran denunciados no municipio do Barco e no da Rúa por incumprimento da restrición de mobilidade nocturna. Ambos daban, ademais, positivo nas probas de alcohol e drogas, segundo vén de informar a Garda Civil.

Así, ás 0:20 horas do sábado 31 de outubro os axentes de Tráfico do Destacamento da Garda Civil do Barco de Valdeorras observaron a circulación irregular dun turismo na travesía desta localidade, polo que procederon a controlar ao condutor, que arroxou un “resultado positivo por consumo de drogas, concretamente THC, comprobando que tanto o seu permiso de condución como a ITV do vehículo estaban caducados”, tal e como se informa dende a Garda Civil. Na actuación estiveron apoiados pola Policía Local do Barco.

Esa mesma noite, a patrulla de Tráfico foi requirida á 1:15 horas por axentes de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Viana, ao obxecto de realizar a proba de alcoholemia a outro condutor interceptado na localidade da Rúa, “que desobedecera as ordes dos axentes e presentaba síntomas evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, arroxando aquel un resultado positivo de 0,77 mg/ l”, segundo a información da Garda Civil.

A ambos condutores fóronlle estendidas igualmente senllas denuncias por incumprimento da norma que regula a mobilidade nocturna, atendendo ao RD da Xunta de Galicia en canto ás restricións actuais obrigatorias para control da pandemia por COVID-19.

Artigos relacionados

Back to top button