OurenseÚltima hora

Dous feridos nunha colisión entre dous camións en Vilar de Barrio

 

Na mañá deste martes 30 de abril producíase un accidente no que resultaban implicados dous camións que chocaban en Vilar de Barrio, con dous feridos en total, ambos ocupantes do mesmo camión.

Así o explican dende o 112 Galicia que en torno ás 9:30 horas desta mañá recibía a chamada dun particular para informar do accidente. “Tal como indicou, parecía haber feridos e unha persoa atrapada no interior dun dos vehículos”, din. Nada máis saber isto, os xestores do 112 Galicia avisaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Xinzo, GES de Maceda, Garda Civil de Tráfico e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilar de Barrio.

Tras achegarse ata o lugar, “os membros de Protección Civil confirmaron que había unha persoa atrapada dentro dun dos camións. Con isto, os bombeiros tiveron que botar man do material de excarceración para poder liberar ao copiloto do vehículo, atrapado pola perna e a cadeira”, explican dende o 112, engadindo que a persoa, ferida, tiña que ser trasladada unha vez fóra do camión.

“O condutor do mesmo vehículo, que xa saíra anteriormente, foi atendido in situ polos profesionais das urxencias sanitarias ao sufrir unha contusión no accidente, aínda que finalmente tamén foi trasladado. Non houbo que lamentar danos persoais no outro camión implicado”, conclúen, asegurando que os servizos de mantemento da vía tamén interviñeron para limpar a estrada coa axuda dos GES.

Artigos relacionados

Back to top button