O Hospital Universitario de Ourense acolle estes días a Manuel Revelino Mujovo e a Alcinda Sambo, dous médicos residentes do Hospital de Maputo, (Mozambique), que completan a súa formación especializada no marco dun programa de cooperación do Ministerio de Sanidad, liderado pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e xestionado pola Fundación CSAI, coa que a nosa Área Sanitaria ven colaborando desde hai anos en distintos proxectos solidarios.
A Fundación Estatal Saúde, Infancia e Benestar Social (Fundación CSAI), é o organismo responsable da xestión do Programa de Formación Médica Especializada, que está a facilitar a formación de preto de 8.000 profesionais sanitarios de 15 países, en Ourense vinculados con Níxer e Mozambique.
Manuel Revelino Mujovo encara o seu último mes en Ourense, como residente de cuarto (R4) en Traumatoloxía, no que tamén coincidirá con Alcinda Sambo, que se incorporou este mes de outubro como R3 de Anestesia e Reanimación. Ambos permanecerán seis meses formándose nas súas respectivas especialidades, guiados polos titores e colaboradores docentes, nun itinerario formativo coordinado pola xefa do Servizo de Neurocirurxía, Ana Pastor, colaboradora en proxectos de fortalecemento das capacidades do Sistema Nacional de Saúde en Mozambique e Níxer, tamén da AECID.
Fortalecer a formación dos médicos especialistas
A formación postgraduada en Mozambique ten unha duración similar á de España, e con esta estanza os profesionais benefícianse do acceso a novas tecnoloxías e procedementos de recente implantación, moi especialmente daqueles minimamente invasivos, como no caso da traumatoloxía a artroscopia, polo que a súa volta convertiranse a súa vez en formadores.
Tamén no caso de Anestesia e Reanimación o itinerario formativo de Alcinda Sambo afonda no manexo da dor, rotando nesta Unidade, e o papel e técnicas dos anestesistas en quirófano especialmente en intervencións de Cirurxía Pediátrica e Neurocirurxía, especialidades deficitarias ata o momento no seu país de orixe, polo que a súa formación redundará na saúde dun gran número de persoas.
A xefa do servizo de Neurocirurxía de Ourense, Ana Pastor, leva cinco anos participando no proxecto de cooperación para a formación de especialistas e fornecemento dos sistemas de saúde de Níxer da Fundación CSAI, e máis recentemente, desde 2021, de Mozambique.
Durante este período viaxou en numerosas ocasións a Níxer, como membro do equipo español, colaborando especialmente na formación do manexo de pacientes politraumatizados, na que Ourense é referente nacional como sede dos cursos de ATLS, ademais de formadora de formadores para ir ampliando a base asistencial do propio país na atención desta problematica que presenta unha alta incidencia e mortalidade, dada a súa alta siniestrabilidade e poboación xoven.
Cooperación internacional e solidariedade
Esta é a segunda quenda de profesionais sanitarios que acolle a Área Sanitaria de Ourense Verín e Valdeorras, tras a estanza formativa, este mesmo ano, dun médico e un enfermeiro de Níxer, Komma Issoufou e Hamadou Nayoussa, profesionais do Hospital Nacional de Niamei, que rotaron por distintos servizos do Hospital Público de Verín e o Universitario de Ourense.
Esta liña cooperación conta co pleno apoio da dirección e os seus equipos docentes. Mostra deste compromiso, unha delegación da Fundación CSAI, liderada pola súa coordinadora xeral, Marieta Iradier, visitou o pasado mes de abril o Hospital Universitario, onde se reuniron cos profesionais ourensáns e a dirección para agradecer a colaboración e explorar novas posibilidades de traballo conxunto, que se consolidan coa actual estanza formativa de especialistas en formación.