EconomíaEconomíaÚltima hora

Dous premios Mercurio para comerciantes valdeorresas

A Federación de Comercio de Ourense entregará estes galardóns na tarde do 21 de outubro no Centro Cultural da Deputación
Actos de presentación dos I Premios Mercurio da Federación de Comercio de Ourense.
Actos de presentación dos I Premios Mercurio da Federación de Comercio de Ourense.

“Chegou o momento de que o comercio se implique nas estratexias dos plans de desenvolvemento do seu entorno, se achegue ós cidadáns e estableza as alianzas precisas para atopar novos modelos sociais, porque é un elemento fundamental para crear imaxe e identidade de marca da cidade”. Deste xeito se refería o presidente da Federación provincial, Aurelio Gómez Villar, a nova liña estratéxica pola que aposta esta entidade provincial e que ten un dos seus primeiros reflexos nas xornadas “Ourense é comercio”, que rematarán o 21 de outubro coa Gala de entrega dos I Premios Mercurio.

Neste renderase homenaxe a persoas, colectivos e profesionais destacados na súa relación coa actividade do sector na provincia. Catorce foron designados polas asociacións. É o caso da valdeorresa Pilar Delgado, primeira presidenta da comisión xestora e da primeira xunta directiva do Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Dela destácase “a súa capacidade de entrega e a súa implicación en todos os proxectos que teñan que ver co desenvolvemento e benestar do sector empresarial e da comarca de Valdeorras, por considerala como a mellor representante para promocionar o asociacionismo”. Tamén se distinguirá a Camila Deprado (Colchonería Rimo), Roberto Salgado (Ferretería Salgado), Antonio Piña (fundador do grupo Anpian), José Manuel Fernández (de Manuel Peluquero), Amalia Mosteiro (Queixo Amalia), Cándino J. Espino González (da Xoieiría Espino e cofundador da Asociación de Xoieiros), Emilio Fernández (máis de vinte anos na Librería Betel), Belén Rodríguez Novo (Confiería Arva), Balbino Rodríguez (xa a título póstumo, de Ortopedia San Lázaro), Odilo Novoa (de Muebles Las 3 BBB), a Rodolfo Salgado (La Factoría), a Manuel Otero (de Orcellón) e á Fundación Festa da Istoria de Ribadavia.

Outros oito premiados foron elexidos por un xurado específico formado por cinco membros da xunta directiva da Federación de Comercio de Ourense, Emilio P. González Iglesias, Enrique García Boente-Alonso, Luís Rivera Fernández, José Ramón García Iglesias e José Manuel García Mosquera. Entre eles está a tamén barquense Rosario López García “polo seu dinamismo a nivel asociativo, por ter sido presidenta do CCA do Barco, vicepresidenta da Federación de Comercio de Ourense e por ser membro do Comité Executivo da Federación Galega de Comercio en representación do comercio adherido á provincia de Ourense”.

Previamente ás xornadas desenvolvéronse unhas sesións abertas para analizar “¿Que lle aporta o comercio ás cidades e aos cidadáns?”, moderada polo xornalista Ramón Blanco, na que participaron Alberto de Paula, do Colexio de Arquitectos (A visión de espacios urbanos singulares); o ex alcalde Manuel Cabezas (Sensibilidade e aposta dos xestores públicos); Pedro Seara (Pensar en negocio ou en compromiso social); Andrés Mazaira (Comercio e turismo: longo camiño); Manuel Cabaleiro (As compras na saúde social); Maribel Outeiriño (O comercio é como somos); e Afonso V. Monxardín (O comercio no relato cultural das cidades).

Unha segunda sesión tivo por título “Comerciantes fora de serie”, na que deron o seu punto de vista actores que desenvolveron na súa traxectoria un papel de comerciantes; Rubén Riós, Manuel Manquiña, Patricia Vázquez e Tacho González.

Artigos relacionados

Back to top button