Dous profesionais sanitarios de Níxer están ampliando a súa formación estes días na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, no marco do proxecto de cooperación sanitaria española para á formación do persoal e fortalecemento do sistema público de este país africano da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e coordinado pola Fundación CSAI dependente do Ministerio de Sanidade.
A sede central do período formativo de Komma Issoufou e Hamadou Nayoussa -médico e enfermeiro do Hospital Nacional de Niamei- é o Hospital Público de Verín onde, están a ser titorizados por profesionais de urxencias e cirurxía xeral, áreas de interese dos profesionais e do propio sistema nacional de orixe, no que destaca a alta incidencia de atención urxente por accidentes, nun país cunha altísima porcentaxe de poboación xoven.
Para afondar nestes aspectos esta semana desprazaranse a Ourense, onde realizarán un curso de atención ao paciente politraumatizado, na nova Aula de Simulación, e rotarán polo servizo de urxencias do Hospital Universitario.
O proxecto conta coa participación da xefa do servizo de Neurocirurxía de Ourense, Ana Pastor, que xa viaxou en dúas ocasións a Niamei para impartir formación práctica de atención ao paciente politraumatizado, aspecto no que é amplamente recoñecida como titora e formadora de titores do curso nacional e europeo ATLS da Asociación Americana de Cirurxáns, do que Ourense é unha das poucas sedes nacionais desde hai case dúas décadas.
Os principais obxectivos deste proxecto de cooperación é incrementar e completar a calidade da formación dos médicos residentes en cirurxía xeral e especialidades cirúrxicas prioritarias; apoiar o desenvolvemento da formación na área de anestesia e reanimación; e mellorar a organización e a xestión dos servizos de urxencia do Hospital Nacional de Niamei e a súa dotación a través da doazón de equipamento imprescindible, equipamento no que tamén colaborou Ourense, coa doazón de distintos equipos e material sanitario.