CulturaCulturaÚltima hora

“Dreaming Juliet”, o vindeiro venres no escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco

Unha das escenas da obra./ Imaxe: Elefante Elegante.

 

Nova cita coas artes escénicas o vindeiro venres 19 de marzo ás 20h. no Teatro Lauro Olmo do Barco. A compañía Elefante Elegante presentará “Dreaming Juliet”, unha peza que se inspira na célebre obra “Romeo e Xulieta” de William Shakespeare buscando abordar a cuestión máis esencial da existencia humana: o Amor.

Trátase dunha creación de Gonçalo Guerreiro que comparte ademais, xunto a María Torres, a dirección artística. “Dreaming Juliet” conta cun elenco formado por María Torres, Gonçalo Guerreiro, Marta Alonso, Nacho Martín e Miguel Paz

“Na peza orixinal os protagonistas viven un amor prohibido e idealizado, condenado polas familias de ambos. A súa intensa relación ten unha curta duración e un funesto final. Mais imaxinemos que Romeo e Xulieta non tivesen morrido e que o principal obstáculo á súa relación non fose a oposición das súas familias senón as adversidades das rutinas do mundo contemporáneo. Cales serían os soños de Xulieta? Como envelleceria Romeo? Que lugar nas suas vidas ficaría disponibel para o amor?”, din dende a compañía.

En “Dreaming Juliet” o xogo teatral “baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos”, asegura Elefante Elegante.

 

Artigos relacionados

Back to top button