
O vidro romano convértese en protagonista na “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Así neste outubro o foco ponse sobre as cuncas de costelas do Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé (Ourense): unha de cor verde auga (correspondente á denominada serie baixa) e outra verde azulada (que corresponde á serie alta).
Este tipo de cuncas está considerado a forma “internacional” de vidro romano altoimperial por excelencia, estando os seus centros produtores máis antigos no Mediterráneo Oriental e Italia, tal e como detalla o arqueólogo vianés Manuel Xusto Rodríguez na publicación desta “Peza do Mes” do museo. Cronoloxicamente, aparecen en época de Augusto e seguen usándose ata comezos do século II d.C., “converténdose así nun verdadeiro fósil director de niveis arqueolóxicos do s. I d.C.”.
Unha observación minuciosa das dúas cuncas de costelas de San Tomé permite “apreciar pegadas de fabricación que abren o debate relativo ao seu procedemento, xa que varios métodos con ferramentas diferentes poderían lograr resultados similares”, citando a Xusto Rodríguez, que detalla cales son os eses procesos, puliduras e acabados.
O investigador vianés tamén apunta que a “abundancia deste tipo de cuncas e a súa variedade en canto a tamaños permite sospeitar agora unha produción vinculada a oficinas rexionais, instaladas primeiramente en cidades importantes, como serían, no caso do noroeste peninsular, as capitais conventuais de Lucus Augusti, Bracara Augusta e Asturica Augusta”.