Na noite do sábado 24 de febreiro, producíase un incidente en Parada de Sil onde “dúas persoas, un home e unha muller, sentíronse indispostas logo de facer unha grellada na vivenda”, segundo informan dende o 112 Galicia que tiña constancia do suceso cando pasaban uns minutos das 21 horas a través dun particular que “solicitaba unha ambulancia por unha intoxicación de monóxido de carbono”.
Segundo a información recibida no 112 Galicia, “tratouse dunha parella que tras facer unha grellada na vivenda situada na Praza do Concello, para manter o calor, decidiron meter o braseiro nunha habitación o que lles provocou sentirse indispostos”. Ata o lugar acudiron decontado o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o GES de Maceda, a Garda Civil e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.
“Unha vez na vivenda e tras ser valorados os afectados polos profesionais sanitarios, confirmouse que tan só a muller ía ser trasladada ao Hospital de Ourense”, explican dende o 112 engadindo que “os membros do GES procederon a facer as correspondentes medicións na vivenda, que, finalmente, confirmaron que foron negativas, os niveis eran correctos”.