Novo accidente de tráfico na comarca de Valdeorras. Na tarde deste luns 2 de setembro pasadas as cinco e media producíase unha colisión entre un camión e un turismo na estrada OU-533 dirección A Rúa, ao seu paso pola localidade de Lentellais no concello do Bolo, quilómetro 39,5 aproximadamente.
Tal como informan dende o 112 Galicia “as dúas persoas que ían dentro do turismo tiñan que ser excarceradas, sendo atendidas polo persoal sanitario nunha ambulancia no punto antes de ser trasladadas ata o hospital”.
Ata o lugar do accidente acudían os Bombeiros do parque comarcal, o GES da Veiga, Garda Civil de Tráfico (1 patrulla de motoristas do destacamento de Tráfico do Barco e equipo de investigación de sinistros viais do Subsector de Tráfico de Ourense) e Protección Civil do Bolo ademais dos servizos sanitarios. Por outra banda, solicitouse a intervención do servizo de mantemento da vía, na que había moito aceite logo de que se producira o impacto.
Dende o 112 tamén indica que era necesario cortar a estrada logo do accidente. Dende a Garda Civil informan de que a estrada era momentaneamente cortada e que hai desvíos habilitados e sinalizados.
Fotos cedidas.