
O torneo OHF “Octopus Hockey Festival” chega á súa duodécima edición como torneo internacional de veteranos de Hockey herba, con nove equipos inscritos, seis masculinos (+35 anos) procedentes de Portugal, Holanda, Madrid, Vigo e Ourense, e tres femininos (+30 anos) de Ourense, A Coruña e Madrid.
O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández lembrou hoxe, 6 de setembro, na presentación deste torneo, que ao longo destas doce edicións do torneo, “pasaron por el máis de 100 equipos masculinos e femininos procedentes de toda Europa: Alemaña, Holanda , Portugal, Escocia, Irlanda, Inglaterra, así como incluso de outros lugares como Dubai, xunto cun equipos de gran relevancia no hockey español”. Asemade, Fernández sinalou que Ourense é “un marco único para acoller esta competición á que, en numerosas ocasións, os participantes repiten”.
Pola súa parte, o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede, dixo que a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense “colaboran non só na mellora das infraestruturas deportivas, senón tamén na actividade dos nosos clubs, que organizan eventos desta índole que son un impulso turístico para Ourense”.
O torneo, organizado polo Club Deportivo Open, comezará o venres, 8 de setembro, coa recepción aos equipos. A competición dará comezo ao día seguinte nas instalacións de Mariñamansa, a cal rematará cunha cea oficial. O domingo, 10 de setembro, celebrarase a parte da clasificación do torneo que concluirá coa entrega de trofeos e o “xantar tradicional” nas propias instalacións deportivas, explicou Alberto Estévez, vicepresidente do Club.
Francisco Masid, vogal do Club Deportivo Open, fixo un repaso pola historia deste torneo que “naceu hai doce anos cando un grupo de alemáns quixeron vir xogar aquí un partido, así que organizamos un fin de semana de hockey entre dous equipos. A partir de aí, decidimos consolidalo e darlle apertura a máis equipos”. O Club Deportivo Open “ten unha saída ao ano a un campamento europeo polo que temos recorrido gran parte da xeografía europea e isto contribúe a que a xente nos devolva a visita”, puntualizou o vogal.



