ConcellosEntroido 2022Galerías de fotosÚltima horaXinzo de Limia

E a fariña volve correr por Xinzo dando a benvida ao esperado Entroido 2022

Comeza así o Entroido na vila do Limia, Festa de Interese Turístico Internacional

 

Tras un ano de parón pola pandemia, está claro que a xente ten ganas de Entroido. E así o demostraban as numerosas persoas (sobre todo mocidade) que na tarde deste domingo 6 de febreiro volvían cubrir a praza de Xinzo de fariña.

Dada a situación sanitaria, aínda non normalizada, dende a Comisión do Entroido aseguraban que este ano non ía facer o tradicional reparto de fariña, nin falta que fixo. A xente alí congregada encargouse de levar as súas propias provisións para converter a praza nunha auténtica batalla campal co branco como protagonista. Así, centos de nenos, xoves e maiores, desfrutaron dunha tarde de festa onde ninguén podía nin debía quedar inmaculado. Sempre hai quen o intenta pero é un combate perdido de antemán. Aínda en tempos de Covid, no Domingo Fareleiro mandan os farelos e a fariña.

Os bares tamén permaneceron abertos esta tarde, aínda que tapando as bebidas con plásticos para protexelas da chuvia branca.

 

 

Aínda que sen música nin discursos, na medianoite do 5 febreiro o Petardazo abría coma sempre o programa do Entroido en Xinzo de Limia, Festa de Interese Turístico Internacional. O ciclo máis longo desta festa que non rematará ata o domingo 6 de marzo coa Piñata. E entre medias, catro domingos que nesta localidade ourensá cobran un significado especial.

Hoxe foi o Fareleiro e a seguinte cita será o Colgamento do Meco o sábado 12 de febreiro “entre lusco e fusco”. Ao día seguinte, Domingo Oleiro tocaralle o turno ao xogo das olas.

Máis información na Revista do Entroido en Galicia 2022 do Periódico O Sil.
Máis imaxes e vídeos no seguinte enlace: https://osil.info/o-domingo-fareleiro-tingue-xinzo-de-branco-galeria-e-videos/

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button