
Con éxito completaba o piloto monfortino Eduardo Iglesias a segunda parte do formato 48 horas chrono, en Bisha, no Dakar 2025, tras dous días extremadamente esixentes que puxeron a proba a súa resistencia física e mental.
Aínda que a xornada de onte presentou complicacións, o galego lograba recuperarse e manter o enfoque en avanzar dentro da competición. “Onte a etapa complicóuseme un pouco nas dunas. Empecei con mal ritmo e iso pasoume factura”, explicou Iglesias, quen non puido chegar ao campamento planificado e tivo que pasar a noite xunto a outros pilotos nun punto de reposición.

Esta decisión implicará unha penalización importante por parte da organización, pero o monfortino mostrouse satisfeito por manterse en carreira, superando as adversidades. A xornada de hoxe, con máis de 500 quilómetros de etapa, foi significativamente máis positiva para Eduardo. “Foi un día súper longo, pero con moi bo ritmo e moi contento. Sen ningún problema mecánico”, comentou ao chegar ao campamento. Este desempeño sólido reforza a súa posición na clasificación e renova as súas enerxías para afrontar os retos que aínda quedan por diante.
Coa etapa 3 no horizonte, Iglesias continúa demostrando a súa determinación e capacidade para adaptarse ás duras condicións do Dakar 2025. A clave para el será “seguir xestionando tanto o terreo como a loxística de cada xornada”, mentres traballa por superar os obstáculos que xorden no rally máis esixente do mundo. O seu optimismo e preparación seguen sendo fundamentais para avanzar nesta aventura épica.
Fotos e vídeo cedidos.



