PolíticaÚltima hora

Eduardo Ojea: “Valdeorras necesita sacar a súa riqueza ao exterior”

Eduardo Ojea, número catro da candidatura do PSdG pola provincia de Ourense, considera imprescindible impulsar a economía e os recursos da comarca e subliña a necesidade de melloras en infraestruturas e sanidade

Eduardo Ojea no mítin do PSdG do pasado martes, 7 de xullo.

 

Despois de varias lexislaturas como concelleiro de cultura e eduación no Barco de Valdeorras, Eduardo Ojea, ocupa o posto número catro na candidatura do PSdG pola provincia de Ourense. Ojea, que tamén traballou como profesor de Química no IES Martaguisela, destacou durante a campaña que Valdeorras “merece un lugar importante e ten que voltar a estar no seu sitio”. Con motivo das eleccións autonómicas do próximo domingo, 12 de xullo, conversamos con Eduardo Ojea obre os comicios, o futuro da comarca e a súa candidatura por Ourense.

-. Vostede xa foi concelleiro de cultura no Barco durante varias lexislaturas pero agora da o paso á política autonómica ¿Cómo está a vivir este proceso electoral?

As miñas orixes son na política local. Estiven 16 anos no Concello do Barco como primeiro teniente de alcalde, concelleiro de Cultura, de Educación e Medio Ambiente. A miña traxectoria política non se inicia con esta campaña pero neste mometo, o partido, a nivel local, decidiu poñer o meu nome para poder dar este novo paso á política autonómica. Isto non é como nas eleccións locais, nas que indo de número dous sabes que vas a entrar e poder realizar o teu proxecto. Agora depende moito dos votos que teñamos o domingo.

-. Durante o mitin, que tivo lugar o martes 7 de xullo, no que participaron tamén Carmen Calvo, Gonzalo Caballero e o alcalde, Alfredo García, vostede dixo textualmente que Valdeorras ten que ter voz propia. ¿Considera que esta zona atópase menosprezada pola Xunta?

Unha das realidades de Galicia que se tentou reparar durante o goberno de Pérez Touriño é a Galicia das dúas velocidades: as grandes cidades e a franxa litoral por un lado e a zona interior e oriental por outro. Esta é unha proposta do partido socialista dende hai moitos anos. Nós, por desgracia, estamos dentro da segunda pero necesitamos poder competir con outras comarcas que ao mellor non son tan ricas, pero que teñen mellor situación.

-. ¿A que pensa que podería deberse esta desvantaxe?

É moi sinxelo repartir por proximidade, pero tamén por afinidade. Cando non hai ningunha das dúas, é máis doado eliminar. Perdéronse proxectos que poderían vir para Valdeorras pero que finalmente se concederon a outras comarcas máis próximas ou máis afíns. Estamos nunha provincia que leva moitos anos gobernada por un partido concreto e ás veces o reparto non é tan equitativo nin vai tanto polas necesidades locais, senón pola simpatía.

 

 

-. A situación das infraestruturas en Valdeorras complica a conexión con outras partes tanto de Galicia como do resto de España. ¿Cales son as propostas do seu partido para cambiar esta situación?

Valdeorras ten unha situación xeográfica moi determinada. É a entrada natural a Galicia pero dende xa fai anos decidiuse que a porta non podía ser polo centro, que sería o lóxico; senón pola periferia, na zona de Coruña e a fronteira con Zamora. Nós, levamos moito tempo pelexando con manifestacións e concentracións pola A-76, unha autovía que sexa capaz de resolver os problemas de comunicación sobre todo coas grandes cidades porque Valdeorras necesita sacar a súa riqueza ao exterior.

-. Tamén afirmou que levaría a Madrid este problema.

Valdeorras reclama as súas necesidades independentemente do color político do goberno correspondente. O alcalde do Barco, Alfredo García, está en todas as comisións e reunións de axudas e propostas para sacar adiante todas esas infraestruturas. Se os responsables son do noso grupo, nos será máis fácil chegar; senón, será un pouco máis difícil pero esa é a nosa obriga.

 

 

-. En materia sanitaria, o seu partido sempre se mostrou contrario ás decisións da Xunta no Hospital Público de Valdeorras ¿Por qué modelo aposta o partido socialista?

Non é que o critiquemos nós, senon que o critican os veciños. Dende que se construiu o edificio do hospital comarcal ata hoxe temos acudido a moitas manifestacións para melloralo porque non é certo que reúna as condicións necesarias para poder facerse cargo dos máis de 30.000 habitantes da zona de Valdeorras, Trives e Viana. Queremos manter á xente no rural ao que pertencemos e, tendo en conta a idade de media dos nosos habitantes, o máis importante é que se resolvan os seus problemas de saúde. Para todo isto é necesario que exista un hospital comarcal que reúna as condicións necesarias e que non te remitan a Ourense. Non é cuestión da pandemia do coronavirus; o 14 de marzo, o hospital xa arrastraba os mesmos problemas do ano anterior e do anterior e isto é causa dunha política de recortes continua e da integración na Área Sanitaria de Ourense. Ao perder a xestión perdes o control e unha vez que ocorre isto quedas nas mans dun terceiro. Non ocorre só co hospital; en Rubiá quitaron a un médico e na Rúa levan anos reclamando o novo centro de saúde. En España díxose que a sanidade tiña que ser pública, universal e gratuíta e o partido socialista ten esas palabras gravadas a lume no seu ADN.

-. O viño e a lousa son o principais motores económicos da comarca. ¿Cales son, na súa opinión, as actuacións que deberan acometerse para impulsar económicamente estes sectores?

Cando hai unha industria que ofrece posibilidades hai que axudala. Non podemos poñer trabas no camiño, temos que resolver e dar solucións. Cumprindo sempre con todos os requisitos medioambientais e europeos que sexan pero facilitando que estes criterios sexan cumpridos por medio de subvencións, moratorias… É moi sinxelo coller un lapis e marcar unha cruz pero moi difícil escribir solucións. No tocante ao viño, Valdeorras conta cunhas características de humidade, latitude, altitude e intesidade lumínica que permiten que todas as ladeiras sexan perfectas para o viñedo. O que antes eran piñeirais, agora son viñedos. Mudou a forma de entender o medio rural e o medio ambiente e ademais, o sector saca unha rentabilidade importante e dá de comer a moita xente.

-. Na súa intervención no mitin tamén citou a Vía Nova, o Camiño de Inverno, As Ermidas e a Serra da Enciña da Lastra. ¿É necesario revalorizar o turismo cultural e natural na comarca?

Hoxe en día, grazas ás novas tecnoloxías, a xente vai coñecendo Valdeorras. Non só a comarca senón tamén zonas próximas como As Médulas ou Trevinca, cuxa parte máis alta pertence xa a outra autonomía. Non estamos inventando nada, temos riqueza de todo tipo e o que temos que facer é poñela en valor. Se animas ás empresas, as axudas e lles das posibilidades cando te das conta xa tes un entramado loxístico de turismo que pon en valor unha zona moi rica en paisaxes e patrimonio. O río Sil, por exemplo, é vida, é turismo, é riqueza. Nós apostamos por sanear íntegramente o río, eliminando residuos de casas e industrias cunhas subvencións que poderían terse destinado a arranxar estradas ou construír edificios. Cando entrei como concelleiro tivemos problemas coa antiga Mancomunidade de Valdeorras que non funcionaba por cuestións de egos. Nós pensamos que Valdeorras debe estar unida, senón, perdemos todos.

 

 

-. Valdeorras mantén unha relación estreita con outras comarcas veciñas, sen embargo algunhas delas pertencen a outras unidades administrativa. É o caso do Bierzo, en Castilla e León. ¿Considera que reforzar estas relacións pode axudar a dinamizar máis a comarca?

Non é importante, é fundamental. Nós temos a capital de provincia a 115 km e temos unha comarca veciña, coa que gardamos unha gran similitude e temos unha gran relación a 15 km. Puente de Domingo Flórez e Quereño, por exemplo, son dúas autonomías distintas e hai un movemento continuo de intereses, mercado, negocio e familia. Ten que haber unha interrelación e intentar, dalgún modo o que foi xa fai séculos; esa “quinta provincia”; porque a proximidade fai unión e a unión fai a forza.

-. ¿E no tocante á relación con Ourense, capital da provincia?

A capital é moi importante para nós, pero estamos moi lonxe e mal comunicados. A xente que ten dispoñibilidade vai sen problemas no seu automóbil pero á xente maior isto si lles supón un atranco, especialmente nun momento no que hai una supresión importante de servizos do transporte público.

-. Nas últimas eleccións xerais, o apoio ao partido socialista creceu notablemente na comarca. ¿Cre que esta tendencia continuará o próximo domingo?

Son veterano na política e sei que o resultado das eleccións varía en función de se son europeas, municipais, xerais ou autonómicas. Todo se mide en tendencias. Nas xerais, o apoio ao partido socialista aumentou e esa fluidez fixo que gañásemos en case todo Valdeorras. É moi difícil gañar ao Partido Popular na provincia de Ourense pero temos que loitar e por iso estamos facendo unha campaña moi potente. Ata que o árbitro toque o silbato, o partido non vai rematar.

Texto: Víctor Santos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button