CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Educación abre o prazo de solicitude de axudas para libros e material escolar

O límite para presentar as solicitudes, preferentemente por vía telemática, rematará o día 19 de xuño

 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2020/21. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende o 20 de maio ata o próximo día 19 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, 18 de maio.

Axudas á compra

Están dirixidas ao alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria, así como de Educación Especial e cunha discapacidade igual ou superior ao 65%. Os requisitos de renda e as contías das axudas en Educación Primaria son: Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros: 210 euros; Renda per cápita familiar superior a 6.000,01 e igual ou inferior a 10.000 euros: 140 euros.

No caso do alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros con independencia da renda per cápita familiar.

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Fondo solidario

No Fondo solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexan necesarios.

O alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, ten garantido o acceso a 6 libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000,01 e 10.000 euros, terán acceso a 4 manuais.

Será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.

Axudas para material escolar

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda mantense a mesma, isto é, 50 euros/alumno. O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática “fondolibros” (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Artigos relacionados

Back to top button