CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Educación reabrirá mañá 11 de maio, o prazo de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso

Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como os de Infantil, Primaria, ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles

 

Dende mañá 11 de maio a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional reabre o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2020/21, “para aquelas familias interesadas que non puideron presentala durante o período ordinario (do 1 ao 20 de marzo pasado), ao verse suspendido o prazo pola declaración do estado de alarma o 14 de marzo”.

Este período de admisión vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como para aquel alumnado de Educación Infantil, de Educación Primaria, de ESO e de Bacharelato que desexa cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles.

Deste xeito, e tal e como se pode consultar no Portal Educativo, o prazo de presentación de solicitudes de admisión reanúdase mañá e remata o 18 de maio, ambos incluídos. As listaxes provisionais do alumnado admitido e excluído publicaranse  ata o 9 de xuño e as definitivas ata o 26 de xuño. O prazo ordinario de formalización de matrícula para todas as ensinanzas irá do 1 ao 10 de xullo e o extraordinario, para Secundaria e Bacharelato, do 1 ao 10 de setembro.

As solicitudes poderán presentarse, preferentemente, de xeito telemático na aplicación ‘admisionalumnado’, podendo consultarse o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

As solicitudes tamén se poden presentar de xeito presencial nos centros escolares nos mesmos prazos (do 11 ao 18 de maio). Precisamente para atender o proceso de admisión presencial, na súa última reunión desta semana, o Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou modificar o horario de presenza dos equipos directivos nos centros educativos. Tal como explican dende a Consellería, “no caso dos centros de seis ou máis unidades, deberá estar cando menos un membro do equipo directivo, diariamente, no horario habitual do centro; e nos de menos de seis unidades deberá estar o director ou docente responsable os días precisos para a realización dos trámites”. Segundo este acordo, o persoal administrativo tamén deberá estar nos centros o tempo que considere preciso a dirección para atender todos os trámites derivados deste proceso e doutros procedementos.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button