Tras a renuncia de Irene Dacal, que ata agora viña ocupando a Concellería de Promoción Económica, Turismo, Comercio e Consumo do Barco, este departamento municipal pasará a mans de Eladio Santos, profesor do IES Lauro Olmo que ocupaba o número 11 da lista do partido socialista nas pasadas eleccións locais.
Así o vén de anunciar o alcalde do Barco, Alfredo García. “De momento a intención é que a substitúa automaticamente en todas as súas competencias, é dicir, non prevemos ningún cambio na distribución actual das concellerías. Polo momento, non vexo a necesidade de mover nada de ningún concelleiro porque os edís están totalmente integrados cada un nas súas funcións e non parece razoable facer cambios”.