Uns días despois de entregar os premios do concurso de ideas de exaltación do Godello de Valdeorras, o Instituto de Estudos Valdeorreses (IEV) recibía no mesmo salón da Casa Grande de Viloira a visita do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos.
“E o primeiro subdelegado que nos visita, polo que quero darlle as grazas pola deferencia que tivo con nós”, aseguraba o presidente do IEV, Aurelio Blanco, durante a visita que tiña lugar na mañá deste luns 9 de decembro. Alí, acompañado por outros membros da directiva reivindou unha vez máis un museo para Valdeorras. “Levo máis de 40 anos dicindo que se nos están escapando moitas cousas. Algunhas xa desapareceron e outras farano e cando por fin se decidan a facelo igual non hai con que enchelo”, dixo Blanco Trincado pedindo ao subdelegado que “dentro do posible inflúas para que se fagan as cousas de Valdeorras, que tires do carro para que xogue máis no mapa, porque é unha comarca importante economicamente e penso que é importe que revirta tamén unha parte dos contribuíntes”.
Unhas peticións que recollía Santos, asegurando que lograr que Valdeorras sexa máis protagonista, que nos teñan máis en conta e que nos valoren, está na miña axenda, tanto no eido cultural ou no educativ, de investigación histórica como é o IEV, coma no resto”.
En canto ao museo, o subdelegado comprometeuse a informar a esta e outras institucións da provincia sobre calquera tipo de axuda por parte do Ministerio de Cultura para financiar as súas actividades. “O meu equipo da Subdelegación está investigando para informalas, porque moitas veces non chegan á información ao ser sen ánimo de lucro”.
Santos asegurou que para el “é un pracer visitar o IEV, unha isntitución emblemática e referente de Valdeorras”, destacando en primeiro lugar o seu “valor comarcal, non só polo nome senón pola actividades que fai e as reivindicacións”; e en segundo lugar pola “tradición de reivindicación da cultura, da historia, da lingua, da educación, da investigación e outras actividades relacionadas con elas como pode ser o mundo do viño ou da lousa”. A nivel persoal, “o IEV traeme grandes recordos non só polas persoas que me acompañan, senón doutros que estiveron na directiva e cos que tiven moita relación”, dixo animando a seguir sendo “unha institución viva que sempre está presente no ámbito cultural e cada mes polo menos ten algún acto con xente valiosa que dá visibilidade á comarca”.
Nesta visita o subdelegado entregaba ao IEV un novo mapa da provincia e un plano do Barco, asinando no libro de honra da institución tras recibir o pin de mans do presidente.
Fotos e vídeos: O SIL.