Eladio Santos Martínez, profesor e vicedirector do Instituto IES Lauro Olmo, prometeu o seu cargo como concelleiro de Comercio, Turismo, Promoción Económica e Consumo do Barco no pleno municipal deste xoves, 2 de xullo. Tras a toma de posesión, o alcalde, Alfredo García, fíxolle entrega da medalla co escudo da vila.
Según indicou o xa concelleiro en declaracións posteriores, o seu traballo no municipio continuará os pasos dados pola anterior edil, Irene Dacal, que renunciou ao cargo o pasado 4 de xuño por motivos persoais. No que respecta á área de comercio, Santos afirmou que se centrará en dous aspectos clave: aproveitar as posibilidades de venda e compra que ofrecen as novas tecnoloxías e continuar co comercio na rúa como elemento dinamizador da vila, mantendo sempre os protocolos de seguridade e as medidas sanitarias pertinentes contra a COVID-19. A concellería buscará conservar e afianzar as relacións co sector: “Temos ideas, pero queremos, primeiro de todo, escoitar”. Neste sentido, indicou que se xuntarán nos próximos días para tomar “algunha medida antes de que acabe o mes de xullo”.

No tocante ao sector turístico, Eladio Santos considerou fundamental “poñer en valor o que hai”. Así mesmo, destacou que o turismo de enoloxía, e de patrimonio cultural e natural son claves para o municipio e a comarca, salientando especialmente o potencial que poidese ter o Camiño de Inverno así como as recomendacións recollidas no estudo “Oportunidades de Desenvolvemento Turístico Para O Barco de Valdeorras” do Eixo Atlántico. Preguntado pola futura Oficina de Turismo, Santos comentou que a considera unha prioridade mais de momento non existe unha data de apertura.
Máis información:
https://osil.info/na-maior-parte-do-casco-urbano-do-barco-a-velocidade-poderia-limitarse-a-30-km-h/