En portadaÚltima hora

Na maior parte do casco urbano do Barco a velocidade podería limitarse a 30 km/h

Esta é unha das propostas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello do Barco, que vén de ser aprobado en pleno

 

Por unanimidade resultaba aprobado o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) do Concello do Barco no pleno ordinario que se celebraba na tarde do 2 de xullo no Barco. “Alégrome moito de que o proxecto saia adiante por consenso, considero que iso é que temos que facer en temas importantes”, comentaba o alcalde do Barco, Alfredo García, tras a votación.

Previamente a concelleira de Medio Ambiente do Barco, Diana Urdangaray, explicaba en que consiste este plan, elaborado polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que apostar por “mellorar a calidade de vida da poboación e aumentar o atractivo e accesibilidade do núcleo urbano” a través dunha serie de obxectivos: “potenciar as condicións do modo peonil, promover o emprego de vehículos de mobilidade persoal e a intermobilidade, diminuír o uso do automóbil polo medio do núcleo urbano e fomentar o cambio de comportamento nos residentes a través de campañas de educación de información”, segundo Urdangaray.

O documento consta de dúas partes: unha de “caracterización e diagnóstico” e outra cos obxectivos, definición de estratexias e formulación de propostas de intervención. Ademais formula oito propostas de actuación, entre elas a creación dun sitioweb con información sobre a mobilidade, actividades de educación e sensibilización, implantación de zona de coexistencia (zona 20) no casco vello e no Paseo do Malecón, adopción de zonas de alivio de tráfico, que son zonas de circulación homoxénea onde a velocidade está limitada a 30 e 40 km/h. Todo o núcleo urbano será zona 30, agás o casco vello e o Malecón (zona 20) e a avenida do Bierzo, Conde Fenosa e Marcelino Suárez pasarán a ser zona 40″, matizaba a concelleira.

 

A concelleira de Medio Ambiente do Barco, Diana Urdangaray, durante a súa intervención no pleno.

 

Tamén se prevé a creación de 7 pasos de peóns irregulares “como disuasorios da velocidade  nas rúa Río Galir (á altura das piscinas cubertas), rúa da Rampa, Elena Quiroga (fronte ao colexio Otero Pedrayo), Juan Giral, no cruce Eloy Rodríguez Barrios con Santa Rita, no cruce Eulogio Fernández con Penaguillón e na rúa Florencio Delgado Gurriarán (fronte ao bar do Parque).

Outras propostas do plan son a implantación dunha rede de VMP (vehículos de mobilidade persoal) que dea prioridade ás rutas con maior potencial de utilización, a reformulación do proxecto Bicibarco ou un plano de rutas peonís creando a senda ata a rúa Ribeira, Senda do Camiño de Inverno (polo Malecón) e a senda Nova (no Salgueiral). Tamén se procederá á sinalización dos camiños escolares.

Creación de novos aparcadoiros

Outras das propostas incluídas no plan será a creacióin de aparcadoiros que compensen as prazas de estacionamento eliminadas na vía pública, que serán no Malecón (onde actualmente hai 2.000 m2 e cando se desenvolva o PERI chegarase a 4.400 m2), na zona do Río Cigüeño, no casco vello (As Airas) e na rotonda da Proba.

Ademais pretende ser un documento vivo, polo que “pode ser supervisado en función das necesidades que teña o Concello, non é un proxecto pechado e inamobible, polo que pode ser obxecto de futuras modificacións”, concluía a concelleira de Medio Ambiente.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Máis información:
https://osil.info/eladio-santos-temos-ideas-pero-queremos-primeiro-de-todo-escoitar/

Artigos relacionados

Back to top button