ConcellosMontederramoÚltima hora

Emotiva inauguración do “Carballo da lembranza” en Vilariño Frío (Montederramo)

Unha obra de arte de Moxom dalle unha segunda vida á impoñente árbore que aparecía morto hai uns anos

 

Amantes da natureza e defensores de árbores singulares, os veciños de Vilariño Frío (Montederramo) eran testemuños hai uns anos da “sorprendente morte en plena saúde vital” dun impoñente carballo que, debido ao seu porte, altura e espectacular frondosidade era visible desde calquera lugar do pobo e servía como refuxio en días de calor para aqueles traballadores que volvían a casa das súas exhautos traballos estivais. Tamén facía de meta de probas deportivas e competicións; era lugar de referencia e apoio de estandartes de compadres e comadres en Entroido; servía de escalada de adolescentes para refuxio e goce dos primeiros cigarros,… Algúns dos motivos polos que sentían a necesidade de darlle unha segunda vida e nada mellor que a través da arte.

 

Inauguración do “Carballo da Lembranza”.

 

“Dado que, desde a súa morte, foise conservando o seu maxestoso tronco, pensamos na necesidade de recuperar mediante a arte, aqueles recordos de outrora e coñecedores do traballo que realiza na madeira o famoso escultor Moxom, nacido no noso Concello, expuxémoslle a idea de revivilo dunha maneira artística”, explica Rosa Villar Pumar, presidenta da Asociación de Veciños e Cultural A Ponte, adiantando que, despois dunha ardua tarefa coa Deputación de Ourense “e fallos de interpretación, conseguimos a autorización para o comezo da obra, que levou a cabo no mes de maio do presente ano”.

Foi así como o artista multidisciplinar elixido converteu este tronco de carballo nunha obra de arte pasando de ser “O Carballo de abaixo” a “Carballo da Lembranza”. E en recoñecemento ao citado autor, na xornada do sábado 3 de agosto celebrábase a inauguración oficial da obra á que acudía o alcalde de Montederramo, Óscar Diéguez, que achegou datos importantes e curiosos sobre o artista.

 

Imaxe do Carballo primitivo.

 

No acto colocouse unha placa conmemorativa; houbo discursos, entre eles o do pregoeiro maior e o do propio autor; anécdotas de personaxes de outrora coa árbore; lecturas de poemas e música. Con todo o momento máis emotivo foi a achega de ramos de flores silvestres dunha maneira sublime por parte dos nenos, “aleccionados para seguir amando e conservando a natureza máis que nunca”.

O broche poñíase no local da sede da Asociación, coa degustación de pratos caseiros preparados con todo o mimo por cada un dos veciños asistentes ao evento, destacando a orixinal torta artisticamente elaborada dedicada á ponte medieval.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button